Noticias
14 de novembro de 2011
Poio FS 5-0 Panificadora del Eo

As ribadenses non puideron estrear a súa cuadrícula na 7ª xornada. O Poio FS de Pontevedra, equipo debutante e en liña ascendente en Autonómica, tomoulle moi ben a medida ás mariñás cun contundente 5-0.

O Ribadeo saíu á pista do municipal da Seca de Poio coa intención de abandonalo con algo positivo, pero aos seis minutos se vió sorprendido polo novo equipo local, que se adiantou no marcador. Catro minutos máis tarde chegou o 2-0, coa quinta falta acumulativa. O 3-0 co que se anunciou o descanso foi obra de Nerea Moldes no lanzamento desde os 10 metros.

Na segunda metade as ribadenses, negadas na finalización, subiron a súa liña defensiva ás proximidades da meta local e tomaron as rendas do partido durante aproximadamente dez minutos, con numerosos disparos a portería e un tiro ao pau de Marta. Todas as súas recuperacións defensivas estreláronse no ataque.

Transcorría o minuto 30 cando a local Ana subiu o 4-0 ao luminoso. A partir deste momento, as xogadoras do Panificadora só esperaron a que o partido finalizase canto antes. O 5-0 definitivo chegou dous minutos máis tarde.

A próxima xornada o conxunto ribadense recibe o CD Riazor FS da Coruña (12 puntos), equipo que aínda non puntuou como visitante pero que se alza como máximo goleador da categoría con 40 tantos a favor e un dos máis goleados (29), un menos que o equipo ribadense (30).

Provincial feminina. O Xoula venceu 1-0 en Ribadeo ao Pastoriza e xa suma 9 puntos dos 12 posibles. Un gol da capitá, Yoli, na primeira metade deu os tres puntos ao equipo local. As ribadenses deberán desprazarse a próxima xornada ao Antonio Tarrío de Viveiro para enfrontarse ao Viveiro FSF.

Provincial masculina. O Ribadeo conseguiu a súa segunda vitoria ao derrotar ao Amigos de Rábade 4-2 e álzase á terceira posición da táboa. Na próxima xornada os mariñáns deberán viaxar a Sarria para enfrontarse ao Hotel Roma.

 

Ficha técnica

Poio FS: Alexandra, María Pérez, Ana, Paula e Nerea García, cinco inicial; tamén xogaron Laura, María Segura, Bibiana, Nerea Moldes, Tania e Sandra.

Panificadora do Eo-Ribadeo FS: Carla, Ana, Eva, Marta e María, cinco inicial; tamén xogaron Toñi, Elvira, Fátima, Arancha, Sabela, Antía e Iria.

Goles: Nerea (2), Bibiana, Ana e Paula

Árbitros: Javier Roldán Pérez e Iván Vilariño Fontán, de Pontevedra. Mostraron cartón amarelo a María polo Panificadora.

 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores