Noticias
5 de novembro de 2011
O Oxipharma Granada exhibe o seu poderío e vence con autoridade ao Burela

O Burela FS Pescados Rubén encaixa unha goleada en Granada (10-2) nun partido de ida e volta continuo que se decantou pola maior eficacia, rotación e calidade dos granadinos. O conxunto burelense saltou á pista do líder cunha actitude valente e co apoio da súa incansable afección, tratando de xogarlle de ti a ti ao todopoderoso Oxipharma.

Durante o primeiro acto, a aposta laranxa foi gañadora e sorprendeu os locais a quen superaron en xogo e ocasións. Cleber e Juanma acertaron a bater a Edu para situar no minuto 16 de xogo un merecido 0-2. O Burela transmitiu excelentes sensacións e incluso puido aumentar a súa renda pero Edu, no seu reencontro ante o seu ex-equipo, mantivo ao Granada no partido.

Tras o descanso o decorado variou sensiblemente. O conxunto andaluz sacou a relucir o seu fondo de armario, aumentando a intensidade do choque, e axustou a súa tremenda pegada para remontar o encontro en apenas catro minutos de xogo. O Burela tratou de superar o duro golpe e respondeu cun man a man de Cleber que desbaratou Edu. Acto seguido apareceu a definición de Uge para situar o 4-2.

O marcador obrigou o cadro mariñán a manter o intercambio de golpes en busca do empate pero cando un peso pesado está fino a súa pegada pode ser mortífera. Así o demostrou o Granada que foi aumentando a diferenza paulatinamente. A dez para o final e con 6-2 no marcador o Burela recorreu ao xogo de cinco que resultou infrutuoso, a pesar de gozar de tres claras ocasións e do seu empeño na pista, aínda que tamén sufriu a expulsión de Purao por dobre amoestación. No tramo final o equipo andaluz conseguiu marcar catro goles máis para pechar o partido co definitivo 10-2.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores