Noticias
5 de novembro de 2011
Peque rescata un empate nun duelo de cor laranxa intensa

Peque reapareceu en Vista Alegre para impartir un pouco de xustiza no duelo ante o Femesala Elche, que cultivou un empate inmerecido (2-2). O Burela FS Pescados Rubén fixou a cita, o lugar e ofreceu os mellores pratos para degustar un gran partido de fútbol sala ao que unicamente lle faltou a sobremesa, a definición, e sobroulle a fortuna dun Femesala que pode regresar a terras ilicitanas saboreando un punto máis que doce co selo de Vane, a súa gardameta.

O encontro comezou moi ben para os intereses laranxas xa que no minuto 2 de xogo, Dolo logrou abrir o marcador cun disparo raso. A presión do conxunto dirixido por Javier Pardeiro atou de mans ao Femesala, que era incapaz de crear o seu xogo habitual.

As mariñás cociñaban o encontro a lume lento á vez que engadían algunha guindilla. Dolo puido lograr o segundo pero Vane interveu á perfección na súa saída, pouco despois Rosana, no segundo pau, case alcanza un balón con indicio de gol. E cando parecía que o primeiro prato estaba listo para servir, un par de descoidos laranxas propiciaron que Miriam e Txitxo estableceran o 1-2 ao descanso.

A pesar do duro golpe, o equipo burelense iniciou o segundo prato con máis clase e empeño aínda. O vendaval de xogo, recursos e ocasións aparvou a un Femesala que non sabía como parar as numerosas vías de auga que deseñaba o Burela e viviu o choque encomendándose a Vane, que freou o empate ata o minuto 36. Nese instante, emerxeu a figura de Peque para roubar un balón, realizar unha parede pefecta con Maite e derrubar o muro visitante. O Burela buscou con afán o tanto da vitoria pero finalmente tivo que conformarse cun punto de alta escola.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Haydée, Dolo, Claudia, Rosana -cinco inicial- Peque, Maite e Lidia.

Femesala Elxe: Vanesa, Sofía, Noe, María, Txitxo -cinco inicial- Miriam, Laura e Vero.

Goles: 1-0, Dolo, min.2; 1-1, Miriam, min.19; 1-2. Txitxo, min.20; 2-2, Peque, min. 36.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores