Noticias
3 de novembro de 2011
O Burela FS irrompe na pista do líder co ímpeto da Marea Laranxa


Como tarefa da oitava xornada, o Burela FS Pescados Rubén irromperá na pista do líder, Oxipharma Granada, co ímpeto e fortaleza da arquicoñecida Marea Laranxa, que este sábado desprazará a máis de medio cento de representantes da peña ‘pataqueira’ para completar unha semana brillante, na que xa goleou ao Playas de Castellón (10-1) en liga e continúa o avance na Copa do Rei, ante o Noia FS (2-3). A cita entre a primeira praza dos andaluces (16 puntos) e a cuarta dos galegos (11 puntos) dará comezo ás 18.30 horas, no pavillón de Albolote.

Máis de 1.000 quilómetros separan a escuadra mariñá do obxectivo de puntuar en Granada, un gran reto no que o burelista André, autor dun dos tantos que lles deu o triunfo aos burelaos na Copa do Rei, confía plenamente: “Somos conscientes de que nos medimos a un dos favoritos, pero nós temos un gran equipo e podemos facerlle fronte” dixo o ala-peche, que incidiu na súa propia evolución como xogador e no acoplamento do grupo: “Estamos empezando a recoller o froito do bo traballo; o equipo xa está adaptado á filosofía de xogo de Quique García e tras a irregularidade do inicio agora chegan os bos resultados, como se viu ante o Playas e o Noia. Ademais persoalmente tamén me atopo nun bo momento; con dous anos en Burela adquirín madureza no xogo, aínda que coma calquera sempre busco mellorar”.

Outro dos protagonistas que tamén ten depositadas moitas esperanzas no partido, pero do bando contrario, é o ex-laranxa Edu, que estrea esta tempada a portería granadina baixo as ordes do que foi adestrador do Azkar Lugo, Bruno García. “Será un partido moi especial; despois de catro anos espectaculares deportiva e persoalmente en Burela estarei cara a cara cos meus antigos compañeiros“ manifestou o meta naronés.

Calidade de vestiario, rotacións de xogadores con experiencia en Primeira e Segunda, equipo menos goleado da categoría, alto ritmo de xogo, numerosa afección… Moitos son os condicionantes que levan a colgarlle o cartel favorito ao Oxipharma, que aínda non cedeu nin un só punto na casa.  No entanto, nesta esixente semana, o cadro andaluz tivo os seus máis e os seus menos, co empate en Martorell (2-2) e con moito traballo na Copa do Rei e André augura que as forzas poden estar igualadas: “Será un gran partido, moi aberto, pero a liña actual leva a crer con moita solidez nas nosas posibilidades. Ademais estaremos arroupados polos seareiros laranxas; coa súa axuda sempre medramos na pista”. Neste senso coincidiu o meta granadino: “Será un partido moi intenso e vistoso, con presión pola dúas partes e no que o público poderá gozar do espectáculo” dixo o de Narón, que tamén fixo mención da bancada: “Vai haber un bo ambiente; no único partido que tivemos en Albolote a xente respondeu moi ben e nesta ocasión tamén estará a incombustible afección da Pataca Naranxa”.

Como bos amigos, todo son bos desexos entre o laranxa e o novo granadino, pero dende logo ningún dos dous está polo labor de ceder nin a mínima sobre a pista.

Para o duelo en Granada o técnico burelés, Quique García, contará coa baixa de Christian, que evoluciona favorablemente, e Víctor Cachón será dúbida ata última hora. O adestrador laranxa augura un “gran espectáculo de fútbol sala xa que se dan todos os condicionantes previos. Gozaremos dunha gran tarde de fútbol sala entre dous conxuntos importantes da Segunda División xa que ambos chegamos á cita nun bo momento. O Granada é o líder da competición e o CD Burela FS Pescados Rubén chega coa ambición de derrotalos no seu feudo”. Ao respecto do factor cancha indicou que “teñen esa lixeira vantaxe de xogar na casa” aínda que o conxunto mariñán non estará só na cidade da Alhambra. Quique García agradece “enormemente o apoio que teremos dos nosos siareiros que se desprazarán máis de 1.000 quilómetros e agardamos darlles unha gran ledicia o sábado”.

 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores