Noticias
24 de outubro de 2011
Panificadora del Eo 1-3 Fisober Vimianzo

O Panificadora del Eo-Ribadeo FS sucumbiu no seu feudo ante o Fisober de Vimianzo (1-3); aínda que o intentaron as pupilas de Martínez durante os 40 minutos, a maior calidade e experiencia das visitantes fixeron que levasen os tres puntos nun partido vibrante con dominios alternos para ambos os conxuntos. As ribadenses seguen sen puntuar neste complicado inicio de tempada, logo de enfrontarse nas catro primeiras xornadas aos catro primeiros clasificados de Autonómica.

Adiantáronse as visitantes no marcador aos 5 minutos por mediación de Patricia en xogada individual logo de desfacerse de dúas locais e bater a Antía de tiro raso e cruzado. A partir dese momento, as ribadenses adiantaron as súas liñas para achegarse con perigo á portería defendida por Paula, aínda que sen puntería. O mazazo chegou de novo no último minuto da primeira metade ao aproveitar Ana unha perda de balón das locais na zona media (0-2).

Na segunda metade seguírono intentando as de Martínez e esta vez Eva si conseguiu perforar a meta visitante. Non se viñeron atrás as xogadoras do Panificadora e tiveron ocasións de polo menos igualar o marcador, principalmente en senllas chegadas de Ana e Fátima no un contra un contra a porteira do Fisober. As da Costa da Morte contraatacaron con perigo a falta de acerto na finalización das mariñás e así, no minuto 35, Noelia subiu o 1-3 definitivo.

Outro difícil compromiso terá o Panificadora na próxima xornada, que deberá enfrontarse en Santiago ao Funeraria Apóstol, un dos veteranos da categoría e candidato ao ascenso.

Provincial masculina. O Ribadeo FS conseguiu inaugurar a seu marcador ao empatar 2-2 no Pombal de Lugo co Navia Suarna.

Provincial feminina. As mozas ribadenses do Xoula recibiron un severo castigo en Lugo, onde caeron derrotadas ante o FSF Lucense 6-1. O gol das mariñás foi obra de Elvira.

 

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Eva, Marta, Fátima e María, cinco inicial; tamén xogaron Ana, Arancha, Elena e Toñi.

Fisober FSF: Paula, Ana, Barca, Noelia e Patricia, cinco inicial; tamén xogaron Elsa, Myrella, Ylenia, Olalla, Alba e Eva.

Árbitros: Benjamín Rivas Fouz e Vanesa Fernández Fernández, da delegación de Lugo. Mostraron cartón amarelo á xogadora visitante Ana.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores