Noticias
22 de outubro de 2011
As burelás sentencian a primeira vitoria da bomboneira con asedio á meta zaragozana (2-0)

As burelás puideron brindarlle hoxe á afección da bomboneira a primeira vitoria na casa da liga. O Pescados Rubén sentenciou o 2-0 cun asedio incesante ao Natudelia.com Zaragoza, que amosou en Vista Alegre unha defensa moi eficaz.

Fíxose esperar esta tarde o primeiro gol mariñán. A escuadra de Javier Pardeiro apropiouse do esférico dende os momentos iniciais para tentar a meta rival, aínda que a precisión se resistiu e só conseguiu facer acto de presenza co paso dos minutos. Tras dúas excepcionais oportunidades de Ro, nun pase de Maite e Lucía, e de Lucía, cun zambombazo alto, Claudia inaugurou o marcador, no minuto 16, nun lanzamento que Ro deixou coar para sorpresa da porteira zaragozana. As poucas ocasións das que gozou o Natudelia chegaron despois, nun par de chegadas sen excesivo perigo. Antes do descanso, aínda puideron as laranxas ampliar as distancias,  dun disparo de Maite, aproveitado dende saque de esquina, que despexou Ana Belén e dun potente lanzamento de Lucía a balón parado, dende media pista, que bateu no traveseiro.

O segundo período comezou cun xogo máis veloz. Foi o Natudelia o primeiro en xerar perigo, aos dous minutos, nunha tentativa que estragaron Jozi, primeiro, e Lucía, despois. Porén axiña volveu o Burela FS-Pescados Rubén á carga, sen demasiada sorte no asedio. En tan só tres minutos, Claudia en parede con Ro, Maite a pase de Lucía e Dolo tiveron nas súas mans sentenciar o triunfo. Con cinco faltas e oito minutos por diante, parece que o conxunto maño colleu folgos, ante a efectiva defensa laranxa. Tivo que esperar o Burela FS ao 37 para subir o definitivo 2-0, de Lucía (d.p.). No entanto, a falta de 31 segundos, Dolo perdoou o 3-0.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores