Noticias
22 de outubro de 2011
A escasa fortuna na finalización condena os laranxas en terras catalás (4-2)


O Burela FS-Pescados Rubén non puido encadear a terceira vitoria da liga, a pesar dos méritos demostrados. A escasa fortuna na finalización condenou os laranxas en terras catalás, nun encontro moi igualado fronte ao Hospitalet Bellsport (4-2), no que a escuadra mariñá sempre contou con opcións. “O Hospitalet anotou nas dúas primeiras chegadas que tiveron e iso marcou a traxectoria do partido. Nós contamos con máis oportunidades dende o comezo, pero hoxe a fortuna non estivo da nosa parte; sempre tivemos a sensación de que a remontada era posible” explicou Quique García.

Os burelaos loitaron contra vento e marea ante a temperá vantaxe dos barceloneses, con pleno de acerto á portería, dous de dous, xa no minuto 9. No entanto, tiveron que marchar ao tempo do descanso sen variación no electrónico.

Na segunda parte, o Hospitalet volveu tomar dianteira, no primeiro minuto de xogo nas zapatillas de Cardona. Despois de infinidade de oportunidades sen o final merecido, Dani Martín foi o encargado de iniciar o percorrido de remontada para o Pescados Rubén (minuto 27), un traxecto que volveu frear Álex Verdejo, no 29. A falta de pouco máis de oito minutos, os mariñáns optaron polo xogo de cinco, con Purao como porteiro-xogador, para materializar a remontada. No minuto 37, Ique recurtou distancias asinando a autoría do 4-2. Aínda tivo un par de boas opcións o combinado burelao para darlle a volta ao marcador, nun disparo que deu no pau e nunha diagonal desviada, pero definitivamente esta non era a tarde para os xogadores laranxas, que loitaron ata a extenuación sen resultados.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores