Noticias
21 de outubro de 2011
O Pescados Rubén pelexará por encadear o terceiro triunfo ante a incerteza do Hospitalet

O Burela FS-Pescados Rubén pelexará este sábado por encadear o terceiro triunfo da tempada, na sexta xornada da Segunda División. Será na pista do L’Hospitalet Bellsport (pavillón Sergio Manzano de Bellvitge, 18.30 horas), un rival incerto pola súa condición de ascendido que xa mostrou a súa resistencia como local, aínda que non tivo moi bo inicio ligueiro.

“Despois da importante vitoria conseguida na casa e de sumar seis puntos nas últimas dúas citas, o equipo atópase nun bo momento; estamos sendo moi competitivos en defensa, ademais en ataque estamos mellorando encontro a encontro e xerando moitas ocasións de gol” apuntou Quique García, orgulloso do labor dos seus xogadores e da evolución do conxunto: “Estou moi satisfecho do rendemento do cadro e do esforzo que están realizando; estamos traballando moi ben durante a semana e iso estase reflectindo nos partidos”.

O Hospitalet pecha a clasificación con dous empates e dous puntos (Manzanares 1-1 e Martorell 4-4). No entanto, a súa posición na táboa non debe levar a enganos, xa que é un equipo ben aguerrido na casa, onde empatou co Manzanares e lle puxo as cousas moi difíciles ao Space Gasifred (8-9). “O xogo do equipo de Xavier Closas caracterízase por realizar unha defensa en media pista, transicións rápidas e un ataque 3-1, con un pivote dominante en zona de finalización. Temos que realizar un gran traballo defensivo para contrarrestar o ataque do Hospitalet” concluíu o técnico laranxa.

Christian, a única ausencia do vestiario mariñán, debido a unha lesión de xeonllo, continúa os seus avances na rehabilitación segundo o previsto polo equipo médico.

Ràdio l’Hospitalet. A afección laranxa poderá seguir en directo o devir do encontro a través da emisora catalá (‘radio en directe’).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores