Noticias
13 de outubro de 2011
Mágoa dos penaltis

Os penaltis interpuxeron un muro insalvable entre o CD Burela FS Pescados Rubén e a loita pola súa terceira Copa Galicia consecutiva nas semifinais ante o Ponte Ourense, na vixésimo primeira edición, o martes pasado en Lalín. Nun intensísimo encontro que completou o tempo regulamentario con empate (3-3), as laranxas, cun papel soberbio, quedaron eliminadas na quenda dos penaltis, cun resultado en contra de 5-4, despois de 12 lanzamentos.

Aínda que as cousas comezaron ben para as burelistas, as adversidades previstas coas ausencias de Jozi e Peque intensificáronse grazas ás polémicas decisións arbitrais da FGFS, co límite de cinco faltas superado nas dúas partes. As pontinas equilibraron o temperán 2-0 de Ro (minuto 3) e Maite (minuto 9) a través de Ampi (11), primeiro, e Sarita (17), nun dobre penalti que nin sequera as ourensás nin reclamaban nin entendían, tras unha clara falta á laranxa Lucía.

Tras o descanso, a dianteira foi para as ourensás (2-3), con Souza (27). O Burela FS decidiu inverter os papeis con Haydee como porteira xogadora; así chegou o empate, con Ro (37), un resultado que non foi suficiente para acceder última fase, debido á lotería dos penaltis.

O título autonómico recae dende onte no Ponte Ourense tras derrotar na final ao Cidade das Burgas (6-0), que deu o último paso cara á Copa ao vencer ao Leis Pontevedra por (5-2), na outra semifinal.

 

Ficha técnica

Burela FS-Pescados Rubén: Irene, Lucía, Haydée, Dolo e Rosana, no cinco inicial; tamén xogaron Maite, Claudia e Lidia.

Ponte Ourense: Eva, Bea, Marta, Sarita e Ampi, no cinco inicial; tamén xogaron Ana, Drica, Souza, Jessi e Cris.

Goles: 1-0, minuto 3, Ro; 2-0, minuto 9, Maite; 2-1, minuto 11, Ampi; 2-2, minuto 17, Sarita (d.p.); 3-2, minuto 27, Souza; 3-3, minuto 37, Ro.

Árbitros: Fernández Becerra e Corrochano Ibáñez (Galicia). Amoestaron a Souza, do Ponte.

Incidencias: Primeira semifinal da XXI Copa Galicia, disputada no pavillón municipal de Lalín. Arredor de 150 espectadores.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores