Noticias
7 de outubro de 2011
O Burela FS visita o Gáldar, un dos fixos na loita de play off

O Burela FS-Pescados Rubén visita este sábado a pista do Colegios Arenas Gáldar, un dos candidatos fixos na loita de play off á Primeira División na última década. O encontro comezará ás 18.30 (hora insular) no pavillón Vega Mateos das Palmas de Gran Canaria.

Sen ir máis lonxe, a cuarta xornada da Segunda División evoca a fase de ascenso da pasada tempada, na que o Gáldar e o Pescados Rubén se enfrontaron na primeira eliminatoria, con 4-0 en Vista Alegre e 4-2 e 5-1 nas illas.

O Burela FS precisa os tres puntos para materializar o despegamento da liga. “Gáldar é unha das mellores escuadras da categoría. Para o noso equipo é un encontro importante e viaxamos coa ilusión de conseguir a primeira vitoria da tempada” dixo Quique García, que tamén incidiu na concentración desta semana: “Preparamos ben o partido, nunha semana moi intensa de traballo; sabemos que para gañar a un rival como o canario temos que competir ao noso máximo nivel, non cometer erros e aproveitarnos das dificultades que teña o contrario”. “Conseguir unha vitoria daríanos un plus de confianza para afrontar o tramo inicial da competición e situarnos entre os mellores equipos da liga” concluíu o estratega burelista.

Despois dunha vitoria (Melilla, 3-5) e un empate (Eivissa 6-6), os canarios recibirán os mariñáns co ronsel da derrota en Martorell (4-1), esperando volver á senda da vitoria. Dende as filas canarias tamén son conscientes da transcendencia da cita; para o galdense Minhoca, o Burela FS é “un equipo que sempre nos crea moitos problemas tanto aquí coma na súa cancha. Os dous necesitamos gañar este e iso farao moito máis interesante e entretido”.

O partido poderase seguir en directo a través da páxina web da entidade insular, www.arenasgaldarfs.com.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores