Noticias
29 de abril de 2011
Antesala de play off nas Canarias

O Burela FS xa está nas illas Canarias para disputar o que será o último encontro a domicilio da liga 2010-11, ante o Colegios Arenas Gáldar. A trixésimo sétima xornada de Prata no pavillón insular Vega Mateos soará a play off, entre dous conxuntos clasificados matematicamente para disputar a fase de ascenso. O encontro dará comezo mañá ás 22.00, hora peninsular.

Dende a sexta praza (59 puntos), a escuadra de Suso Rey visitará a zona máis alta; o Gáldar custodia a cuarta praza, empatado a puntos co terceiro, UPV Maristas Valencia (59), a pesar de estar atravesando unha época de malos resultados. Con catro derrotas consecutivas (Eivissa 5-2, Zamora 1-3, Puertollano 1-0 e Navarra 7-2), o equipo canario sairá moi motivado para despedir a competición ligueira na casa con vitoria e manter o privilexio do factor cancha cara ao play off.

Con posibilidades de escalada na táboa, os mariñáns irán a polo triunfo nunha cancha complicada, na que os canarios tan só deixaron escapar 12 puntos en toda a tempada, 5 na primeira volta (Brihuega 3-3, Puertollano 2-4 e Navarra 3-3) e 7 na segunda (Valencia 4-5, Jaén 2-2 e Zamora 1-3). A isto tamén se suma como hándicap para os laranxas a eficacia goleadora do rival, con Néstor (38) e Minhoca (28) entre os máximos goleadores da categoría.

Coa ausencia de meta Josué, por rotura de ligamentos, Suso Méndez tamén baralla a posibilidade de “dar descanso a unha serie de xogadores que están algo tocados”, segundo a información facilitada na web oficial do club canario, entre os que podería estar o peche Flavio, que xa non participou na xornada pasada.

Outras citas. A dous puntos dos burelaos, o Andorra (56) defenderá a quinta praza na visita do Eivissa, que pelexa pola salvación. Empatado co cadro laranxa, o Zamora, sétimo, viaxará á pista do décimo cuarto, Jaén. Na novena posición, o UMA Antequera (50) esgotará o último cartucho para meterse en play off co impoñente reto da visita do líder, Puertollano.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores