Noticias
23 de abril de 2011
Os pupilos de Suso Rey aseguran o play off cun xogo brillante ante os valencianos (4-2)


Vista Alegre asistiu ao brillo da cor laranxa ante o UPV Maristas Valencia (4-2) nunha tarde na que os pupilos de Suso Rey deron mostras, unha vez máis, de ser merecedores do privilexio de play off. Os tres puntos asegúranlle ao cadro mariñán o billete para a fase de ascenso dende a sexta praza (54 puntos), superando en catro puntos o noveno, UMA Antequera, que a falta de dúas xornadas rematará a competición con descanso, e con inmunidade ante o Lanzarote, que aínda pode pelexar por coarse entre os candidatos á elite.

O Burela FS amosou unha seriedade ofensiva e defensiva digna dos mellores ante o terceiro clasificado de Prata. Os laranxas saíron a por todas buscando a portería rival e axiña chegou o gol, das zapatillas de Víctor Cachón, cando aínda non se cumprira o minuto 4 de xogo. Continuaron as oportunidades. Christian non puido controlar un pase de Juanma diante de Gascó e pouco despois o Mariskal protagonizou un roubo na banda sen recompensa goleadora. Así, aproveitaron os valencianos para igualar, nun contraataque que culminou Juanjo (minuto 12) sen que Edu puidera facer nada. Cando todo parecía presaxiar que se chegaría ao descanso co 1-1, André volveu poñer por diante os laranxas a 3 segundos para o asubío.

Regresou o Burela FS no reinicio convencido de gañar. Tras un par de tentativas desviadas, Juanma subiu o 3-1 (minuto 23), ao aproveitar un balón morto na área tras bater co porteiro levantino. A expulsión de Purao, por dobre amarela, no minuto 26, non puxo en perigo os intereses locais en absoluto; o cadro laranxa soubo manter a concentración en inferioridade numérica e no 28 o capitán volveu aparecer para poñerlle a guinda ao pastel. Nos últimos 6 minutos, o Maristas intentouno con Ximo como porteiro xogador pero o parapeto mariñán, con Edu como estandarte, freou a avalancha. A poucos segundos do final Márque maquillou o marcador con 4-2, dun dobre penalti.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores