Noticias
18 de abril de 2011
O Panificadora cumpre o obxectivo da permanencia

O obxectivo está cumprido para o Panificadora del Eo Ribadeo FSF, que volverá xogar en Autonómica a próxima tempada. Aínda que non puido conseguir os tres puntos o pasado sábado na visita do Cidade das Burgas (0-3), a derrota do Carballiño na cancha do Funeraria Apóstolo facilítalles ás mariñás, matematicamente, a permanencia na categoría a falta de dúas xornadas para a finalización.

Demasiado castigo foi o 0-3 para o Panificadora tal e como se desenvolveu o encontro. Non tiveron a tarde as de Martínez, que se foron ao descanso con 0-0, cun tiro ao pau e un penalti fallado.

Na continuación máis do mesmo, pero foron as das Burgas quen se adiantaron no marcador nun roubo de balón propiciado por unha mala entrega dunha local. Cando máis apertaban as ribadenses, unha man dentro da área dunha visitante, incomprensiblemente sen sanción, supuxo á contra o 0-2 para as de Ourense. O 0-3 chegou dun tiro practicamente sen ángulo que golpeou no pau e en Vanessa. De novo os paus e un erro de Eva a porta baleira evitaron que as mariñás equilibrasen un partido cuxo resultado no marcador non reflectiu o ocorrido sobre a pista.

O Panificadora non terá competición ata o día 14 de maio, cando se desprazará a Vigo para enfrontarse ao Marcón, na última xornada.

Provincial feminina. Co triunfo ao Club A Pastoriza (4-1), o Xoula iniciou con bo pé a liguiña que dará opción aos catro primeiros clasificados de loitar por facerse coa Copa provincial. As ribadenses viaxarán a Lugo o día 30 para enfrontarse ao FSF Lucense.

Provincial masculina. O Ribadeo FS segue na pelexa polo ascenso, logo de superar en Sarria o Hotel Roma por 2-3. O próximo rival será o Parrillada Porta Santiago de Lugo, o 30 en Ribadeo.

 

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Nuria, Eva, Marta e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria, Sabela, Toñi, Arancha e Vanessa.

Cidade das Burgas: Antía, María, Raquel, Aldara e Nerea, cinco inicial; tamén xogaron Pomba, Sofía, Alicia, Nahir, Shirley e Laura.

Árbitros: Javier e Antón Menéndez Nistal da delegación de Lugo. Mostraron cartón vermello a Antía polo Cidade e amarela a Eva polo Panificadora.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores