Noticias
18 de abril de 2011 A Mariña-El Progreso
O Burela vence o Albacete (3-5) e avanza cara ao play off

O Burela FS meteu un pé e medio na fase de ascenso á División de Honra logo de liquidar cun 3-5 o seu encontro na cancha do Albacete, un equipo xa descendido a Primeira Nacional A. O choque tivo varias partes ben diferenciadas, xa que o cadro laranxa dominou por completo o primeiro tempo, con 0-3 ao descanso, pero na segunda houbo máis alternativas e ata o Albacete chegou a equilibrar a balanza en catro minutos fatídicos para os mariñáns. A calma e o saber estar dos burelaos serviulles para resolver a situación.

O Burela FS saíu disposto a mandar desde o primeiro minuto. O equipo local parapetouse na súa cancha e só saíu a presionar cando os xogadores laranxas cedían algún pase atrás. Os mariñáns tiñan a posesión, pero cometeron algúns erros que puideron custarlles caro.

O bo facer do conxunto de Suso Rey no aspecto ofensivo permitiu a Víctor Cachón atopar unha posición dun contra un chegando ao minuto 5. O xogador gaditano superou o seu rival e enganchou un bo disparo para anotar o primeiro tanto laranxa. A aparición de Clebinho no partido foi fundamental, xa que o brasileiro anotou o segundo tanto do seu equipo e tamén o terceiro, logo dunha gran combinación co seu compatriota Ique. Os burelaos incluso  puideron ampliar a renda antes do descanso, pero marcharon aos vestiarios con 0-3.

Rey optou por aliñar un quinteto para asegurar a posesión tras o descanso, pero o Albacete meteuse no partido grazas á estratexia. Un saque de banda, unha falta e un roubo de balón permitiron ao cadro local pasar do 0-3 ao 3-3 entre o minuto 25 e o 27. A reacción do equipo laranxa foi magnífica; os xogadores non acusaron o golpe moral dos tres goles e Juanma foi o encargado de aproveitar unha das múltiples ocasións para volver pór por diante a súa escuadra, a falta de sete minutos para a conclusión. O propio Juanma matou os manchegos ao aproveitar un erro local con porteiro-xogador, anotando o quinto gol a porta baleira. O capitán puido aumentar a renda, pero non se decatou dun cambio de porteiro nas filas do conxunto local.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores