Noticias
14 de abril de 2011
O Burela FSF pon rumbo á pista do histórico Femesala

O Burela FSF Pescados Rubén desprazarase á pista do histórico Femesala Elche na vixésimo sexta xornada de Honra. As pupilas de Javier Pardeiro defenderán os privilexios do podio fronte a un rival que, dende a undécima praza, pelexa por manter vivas as opcións da Copa de España. O pavillón M. Esperanza Lag acollerá o encontro o sábado a parti das 18.30 horas.

A escuadra laranxa medirase a un equipo moi sólido, cuxa traxectoria na segunda volta se viu condicionada polas lesións; a súa última vitoria foi ante o UCAM Murcia (5-1) na vixésima xornada. Coa reincorporación da internacional Txitxo hai unhas semanas, o cadro alacantino loita por un billete para a Copa, coa oitava praza a oito puntos.  

Javier Pardeiro aínda non contará para esta cita con Milena, que regresará do súa viaxe ao Brasil os vindeiros días. Lidia chegará entre algodóns por unha inflamación nos músculos peroneos.

Un mes sen partidos

Despois de Elxe, as mariñás estarán afastadas un mes da competición, ata o 14 de maio, na pista do Atlético de Madrid Navalcarnero. Encadearán o descanso da Semana Santa coa vixésimo sétima xornada, na que lles tocaría enfrontarse ao retirado Campillos, e despois con outra semana de parada ligueira. As pupilas Pardeiro aproveitarán este período para realizar un adestramento intensivo para chegar nas mellores condicións á Copa de España.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores