Noticias
27 de novembro de 2010
Repartición de puntos en terras catalás (1-1)

O cadro de Suso Rey apuntouse esta tarde un novo empate lonxe de Vista Alegre. Barceloneses e burelistas repartiron os puntos nun encontro moi igualado, no que as poucas ocasións e o excelente labor dos gardametas non deixaron pasar o electrónico do 1-1.

Aínda que foron os cataláns os que se adiantaron, co 1-0 de Campoy no minuto 7, o pichichi e capitán laranxa, Juanma, non quixo ser menos (minuto 16) e levou os seus ao descanso co relativo sosego da igualada.

Co reinicio, o tira e afrouxa de ambas as escuadras non evidenciou a existencia dun dominador claro. A mellor ocasión de adiantarse para os laranxas tívoa Esteller, no minuto 37, nun disparo que petou co pau. A falta de 2 minutos, os burelistas puideron ter a oportunidade de xogar en superioridade e apertar en ataque para atopar o gol da vitoria, pero a parella arbitral non viu o agarrón a Juanma de Asensio, que carrexaría o segundo cartón amarelo e a expulsión do barcelonés. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores