Noticias
18 de novembro de 2010
José Venancio participará no I Encontro do Deporte Base na Mariña

O seleccionador nacional absoluto, José Venancio López Hierro, participará no I Encontro do Deporte Base na Mariña, o sábado 27 de novembro, baixo a organización do CD Burela FS.

José Venancio abrirá a cita cun relatorio centrado na actualidade do fútbol sala e a estrutura dos clubs, programado para as 10.00 horas, no hotel Nordés de Burela. O seleccionador tamén compartirá unha charla coloquio sobre o fútbol sala feminino de elite con diferentes adestradores/as de primeiro nivel. Xunto ao alumnado da EDM Burela FS, o técnico analizará o xogo e a toma de decisións individual e colectiva nunha sesión práctica, no pavillón Vista Alegre, a partir das 12.45 horas.

Por outra banda, o club laranxa distinguirá a José Venancio co seu galardón máis prezado, a Insignia de Ouro e Brillantes, polo seu loable labor en favor do fútbol sala, ademais de nomealo Socio de Honra do CD Burela FS.

Dúas décadas á fronte dos bancos afianzan a traxectoria de José Venancio (Bilbao, 1964), dende o Europcar Leioa, Bilbo, Castro Urdiales e Caja Segovia ata a Selección de Guatemala, o Autos Lobelle de Santiago e a Selección Española, cargo no que debutou como primeiro adestrador o 20 de outubro de 2007. Unido ao último triunfo do Grand Prix do Brasil, José Venancio pode congratularse de ostentar no seu palmarés máis recente o título de campión de Europa no Porto 2007 e Debrecen 2010, ademais de ser subcampión do Mundo no Brasil 2008.

Ata o momento tan só outra personalidade está en posesión da Insignia de Ouro e Brillantes laranxa, Javier Lozano. O actual presidente da LNFS e ex-seleccionador nacional recibiu a devandita distinción o 6 de xuño de 2009 como recoñecemento á súa contribución neste deporte e na ensinanza de base.

O CD Burela FS xa tivo a oportunidade de deleitarse coa sabedoría de ambos os profesionais no Campus Internacional Mixto, coa visita de Javier Lozano en 2007 e José Venancio en 2009. A afección mariñá tamén puido gozar co xogo da selección española baixo a batuta de Venancio  ante Romanía (outubro de 2007) e Uruguai (febreiro de 2008).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores