Noticias
15 de novembro de 2010
O Carballiño suma os seus primeiros puntos á conta do Ribadeo FS (6-5)

O marcador volveu darlle as costas ao Panificadora del Eo na casa do Carballiño (6-5), que suma os seus primeiros puntos na categoría. Saíron as ribadenses en terras ourensás a sumar a súa segunda vitoria en Autonómica, pero a falta de acerto de cara á portería rival, as facilidades en defensa e en boa parte o labor do colexiado de quenda deron ao traste coas esperanzas das xogadoras do Panificadora de traer os puntos á comarca mariñá.

Aínda que foron as locais no minuto 5 as que inauguraron o luminoso por mediación de Noelia, o Ribadeo conseguiu remontar e situarse tres veces por diante no marcador. O 1-1 conseguiuno Sabela para as da Mariña no minuto 8. Adiantouse de novo O Carballiño no minuto 14 e no 15 igualou Fátima. Os erros defensivos por ambas as partes indicaban un marcador pouco estable e así, segundos máis tarde, de novo Sabela subiu a primeira vantaxe para as de Ribadeo. Pouco durou a alegría, posto que igualaron as locais e pouco máis tarde Fátima adiantou por segunda vez ao Ribadeo; era o 3-4 co que se chegaba ao descanso.

Aos 5 minutos do reinicio empataron as do Carballiño, resultado que se mantivo ata o minuto 37, no que Marta conseguiu o 4-5. Foi un espellismo; no mesmo minuto, a destacada xogadora local Vanessa volveu igualar. Con cinco faltas para as ribadenses, foi o colexiado quen se encargou de desnivelar o marcador a favor das locais, sancionando cualquera intento das mariñás de apoderarse do balón. A local Vanessa transformou no último minuto un dos tiros de 10 metros que suporía o 6-5 definitivo.

Próxima xornada. Este resultado deixa as xogadoras de Martínez a un paso dos postos de descenso, á espera de recibir o próximo sábado o FC Meigas de Bertamiráns, equipo que se atopa unha praza por riba das ribadenses.

Ficha técnica

O Carballiño FS: Sonia, Vanessa (3), Noelia (2), Joannette e Patricia, cinco inicial; tamén xogaron Anabel, Janet, Soraya (1) e María Jesús.

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Marta (1), Iria, María e Fátima (2), cinco inicial; tamén xogaron Arancha, Elvira, Sabela (2), Yoli e Eva.

Árbitros: Diego Fariñas Garrote e Sandra Gómez Iglesias (anotadora), da delegación de Ourense.

 

Provincial masculina. Os ribadenses métense de novo nos primeiros postos pola loita de ascenso a Autonómica, ao derrotar por 3-1 ao Becerreá, segundo clasificado. Os xogadores de Juan Antonio Fernández fixeron un partido moi serio en defensa e cunha contra letal, que só lles permitiu aos visitantes marcar o gol da honra nos momentos finais, cando os visitantes atacaban con porteiro-xogador.

Provincial feminina. Outra vitoria anotou a entidade mariñá co Xoula-Ribadeo FS, que venceu por 4-0 o seu rival de quenda, o FSF Guitiriz.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores