Noticias
14 de novembro de 2010
Cuchi resolve o derbi galego ante o Cidade das Burgas

O Burela FSF Pescados Rubén adxudícase, por un axustado 5-4, o derbi galego da División de Honra ante o Cidade das Burgas. O choque mantivo a emoción ata o final gracias a unha arbitraxe polémica e a que as pupilas de Javier Pardeiro non souberon dar o golpe definitivo para selar o triunfo.

O inicio do derbi foi trepidante xa que ambos conxuntos, con estilos ben diferenciados; o Burela buscando as accións combinativas e as ourensás utilizando a súa arma máis efectiva, o xogo directo, apostaron por un intercambio de accións con saldo favorable á conta laranxa.

Minuto oito de partido e o Burela vencía por un claro 4-1. Dolo abriu a sesión tras aproveitar unha concesión de Nati, pero Sonia Pacios respondeu con intelixencia e prontitude para establecer o empate. Sen tempo apenas para a celebración visitante, Rosana sumouse á partida para marcar o 2-1 tras definir cun brillante sombreiro á meta rival. Un par de minutos despois, ambas xogadoras burelenses subiron a súa cotización ao duplicar a súa conta goleadora e deixar encarrilado o derbi cun cómodo 4-1 ao descanso.

O escenario do segundo período variou sensiblemente debido a que o Burela entrou nunha dinámica negativa para os seus intereses. Cun 4-1 favorable non manexou ben o tempo do partido e mordeu o anzol proposto por un Cidade que apelou ao seu orgullo e caste para intentar a remontada. Nos primeiros compases o xogo transcorreu con pouca claridade e ocasións por ambas  partes, aínda que a tensión aumentaba progresivamente na pista. Ata que chegou a expulsión de Lucía, por dobre cartón amarelo, no minuto 30. Superioridade numérica que o Cidade aproveitou para establecer o 4-2, tanto conseguido por Vane, e subirse ao tren da remontada.

O envite proposto polo Cidade foi aceptado por un Burela visceral que non logrou manter a frialdade necesaria para finiquitar o choque e viu como Sonia estableceu o 4-3 e Vane o empate a catro ao transformar un penalti que supuxo a expulsión da meta local Irene. Esta acción provocou o debut de Lola na competición. Con alta tensión chegouse aos minutos finais. Vane, unha das mellores do encontro, foi expulsada e deixou en inferioridade ao seu equipo que pagou cara a súa ausencia xa que Cuchi resolveu o derbi marcando o tanto da vitoria.

 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores