Noticias
21 de marzo de 2010
O Burela Pescados Rubén cae no último minuto ante un Murcia favorecido polos colexiados

O Burela FSF Pescados Rubén perdeu por 5-4 na súa visita ao Ucam Murcia, que remontou o choque no último minuto con dous goles de Martika. O encontro estivo condicionado por unha arbitraxe caseira e as alternativas tanto no xogo coma no marcador.

Mellor non podía comezar o duelo para as burelenses, xa que Lida inaugurou o marcador no primeiro minuto, tras roubar un balón e bater con calidade a Vane. O Burela soubo levar o control do xogo, aínda que perdoou nesta fase do choque, ante un cadro local desconcertado. O devir do encontro cambiou de rumbo no minuto 18; Alicia aproveitou un contragolpe para establecer o 1-1 e María Otero, tras unha falta inexistente, puxo por diante as murcianas, que chegaron con vantaxe (2-1) ao descanso.

Na continuación, María Otero volveu tomar protagonismo tras bater a Jozi (3-1) cun disparo raso pero o Burela non se deixou amedrentar nin pola eficacia local nin, sobre todo, pola arbitraxe de clara cor pimentonera e navegou contra vento e marea para remontar o marcador. En dez minutos, do 24 ao 34, o Burela despregou un xogo rápido e preciso que culminaron Claudia (3-2) e Souza, nun lanzamento de falta e ao transformar un penalti, para situar o 3-4. Nesta acción, Vane foi merecedora da expulsión pero o colexiado unicamente mostrou o cartón amarelo. Na recta final, o Ucam Murcia xogou de cinco e a súa decisión supuxo a remontada final con dous goles de Martika que tiraron pola borda o bo encontro do conxunto laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores