Noticias
31 de xaneiro de 2010
Souza fai realidade o soño da Copa de España para o Burela FSF, ante o Valladolid (2-1)

O Burela FSF Pescados Rubén escribe a súa primeira fazaña na historia da División de Honra, co acceso á Copa de España (Ourense, 8-11 de abril). Souza foi a gran protagonista da vitoria de hoxe ante o Valladolid FSF (2-1), como autora dos dous tantos laranxas; este resultado proporciónalle ao conxunto mariñán a sexta praza (30 puntos).

Tras os triunfos do UCAM Murcia e Diamante La Rioja de onte, o partido de Vista Alegre comezaba coa tensión lóxica dunha batalla na que só pode quedar un; Burela FSF e Valladolid xogaban a súa presenza na Copa coa presenza na bancada da delegada da Xunta de Galicia para Lugo, Raquel Arias, acompañada polo alcalde burelao, Alfredo Llano, a concelleira de Deportes, Neves Cando, e o viceportavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, Jose María Gonzaléz Barcia. Inmersos no grande ambiente da bancada, ambos os conxuntos amosaban o seu nerviosismo por un tanto temperán, para desequilibrar o rival; e a vantaxe foi para as pucelanas cun lanzamento baixo de Bea (minuto 3), que se lle coou a Jozi entre as mans. As laranxas continuaron con máis presión; moitas ocasións, pero tamén pouco acerto, predominaron entre as zapatillas burelistas (Souza, Lidia, Claudia, Ro...), ata que un disparo de Souza puxo o empate, 1-1, co que se chegou ao descanso.

Co reinicio, parecía que a portería se seguía resistindo ao pulo do Burela FSF, pero foi de novo a brasileira Raquel de Souza quen atopou un fenda baixo os paus valisoletanos, co 2-1 que fixo estalar de emoción a toda a afección. Tras a expulsión de Bea, por dobre amarela, a gardameta Lala comezou a adiantarse para facilitarlle unha férrea presión ao Valladolid, que desencadeou na expulsión de Lucía (dobre amarela) na pelexa defensiva.

Nun trepidante último minuto, as valisoletanas asediaron a meta de Jozi. Aínda que a parella arbitral frustrou a tentativa visitante de saír cunha porteira-xogadora que non figuraba na aliñación, Lala e compañía non cesaron na busca do empate; forzaron ata a extenuación ás laranxas, que defenderon con éxito e seriedade no medio da loucura de Vista Alegre.

O Burela FSF consegue o seu billete para a Copa de España repetindo o resultado, 2-1, que xa lle outorgou o título do II Trofeo Raíñas Meigas Concello de Burela ante as pucelanas hai menos dun mes na bomboneira.

Felicitacións

As primeiras palabras de Javier Pardeiro tras o partido foron para felicitar as xogadoras laranxas, pero tamén para a numerosa afección que ateigou o Vista Alegre: “O público axudounos a gañar, sen el non poderiamos gañar sobre todo coa expulsión de Lucía; se non apoiara a bancada non poderiamos aguantar a presión de defender nese último minuto cinco contra tres. A vitoria así é incluso máis doce".

Tras un triunfo que para o preparador burelista é “épico”, agora o obxectivo céntrase en seguir medrando como equipo. “Os obxectivos marcados a comezo da tempada para manter a categoría están cumpridos; conseguimos a Copa Galicia 2009, temos a sexta posición no remate da primeira volta e clasificámonos para  a Copa de España 2010 por méritos propios. A liña de traballo parece que é adecuada, así que a teremos que explotar”, concluíu Pardeiro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores