Noticias
30 de xaneiro de 2010
Os pupilos de Suso Rey neutralizan o todopoderoso Talavera (3-6)

Os pupilos de Suso Rey chegaron a Talavera para gañar e non desaproveitaron a oportunidade. No Primero de Mayo, o Burela FS neutralizou o todopoderoso líder por un claro 3-6; a vitoria de hoxe outórgalles aos laranxas a segunda praza provisional (34 puntos), á espera do resultado Gijón El Llano-Extremadura Cáceres 2016 de mañá, e coa que reduce a fenda cara á cabeza do Grupo Norte (40).

O conxunto mariñán non dubidou nin un só momento no seu obxectivo e por iso tomou as rendas do encontro dende o asubío inicial, reducindo a liberdade de movemento para o Grupo de Empresas Talavera, un equipo pouco acostumado a esta presión na súa pista.

Aínda que a meta de Nacho se resistiu na primeira parte para o Burela FS, un lanzamento de Javi Rodríguez, no minuto 15, inaugurou o marcador e destapou o tarro das esencias para un conxunto visitante que soubo como perfeccionar a finalización no segundo período.

O modesto 0-1 co que se chegou ao descanso axiña se converteu nun pesadelo para os locais. En tan só 6 minutos, Minu, de novo Javi Rodríguez e Juanma fixeron tremer aos talaveranos cun contundente 0-4, que optaron polo porteiro-xogador para frear a maxia dos burelistas. O conxunto toledano puido comezar a respirar un pouco, co penalti materializado por Joan e o lanzamento de De la Cuerda; non obstante, Minu (34) e Juanma (36) non quixeron dar tregua e volveron ampliar a vantaxe. Co encontro practicamente sentenciado, o Talavera non se deu por derrotado e seguiu tentando a portería de Edu, con éxito para Riquer, que marcou o 3-6 final, faltando dous minutos para o remate.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores