Noticias
29 de xaneiro de 2010 Foto: Manuel Cao
Corenta minutos ante o Valladolid separan o Burela FSF do soño da Copa

Corenta minutos e un rival, o Valladolid FSF, separan o Burela FSF Pescados Rubén de cumprir un gran soño na súa primeira tempada de Honra, conseguir o billete para a Copa de España (Ourense, 8-11 de abril). O domingo, ás 12.30 horas, o asubío arbitral marcará o comezo do apaixonante encontro, que contará coa presenza da delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, entre o público de Vista Alegre.

No peche da primeira volta, o conxunto de Javier Pardeiro ten nas súas mans a oportunidade de manterse entre os sete primeiros clasificados, con licenza para a cita ourensá dos mellores. Na súa actual sétima praza, con 27 puntos, o Burela FSF garantirá a participación na Copa se o domingo lles arrebata os tres puntos ás valisoletanas, que ocupan a quinta posición avantaxando ao conxunto mariñán nun só punto.  

Ademais do factor cancha, o II Trofeo Raíñas Meigas Concello de Burela, que enfrontou a ambos os equipos hai menos dun mes, con vitoria por 2-1 para as anfitrioas, dá como favoritas ás laranxas. Non obstante, esta será outra batalla e, como xa indicaron os técnicos Paco Mellado e Javier Pardeiro, ningunha das dúas escuadras amosou todas as súas armas naquela ocasión, prevendo o que podería estar en xogo na liga.

A pichichi burelista, Lucía, será a única dúbida no vestiario de Pardeiro; a ala-peche arrastra molestias de abdutores, o que lle impediu adestrar con normalidade durante a semana.

Se o resultado non acompaña ás laranxas, o equipo mariñán dependerá do que fagan os outros dous rivais en discordia, o sábado: o UCAM Murcia, sexto e empatado a puntos coas burelistas, recibe o Campillos (14º) e Diamante La Rioja, oitavo con 26, desprazarase a Castelldefels (15º).

No podio, Cajasur Córdoba, Femesala Elche e Móstoles xa teñen asegurada a súa presenza na Copa de España. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores