Noticias
29 de xaneiro de 2010
A artillería do Burela FS, preparada para asaltar o líder talaverano

O Burela FS desprázase hoxe ao interior da península para protagonizar un dos encontros máis apetecibles da décimo novena xornada da División de Prata. Ostentando a terceira praza, o conxunto laranxa asaltará mañá o fortín do Grupo de Empresas Talavera, líder inamovible do Grupo Norte dende novembro. O duelo de titáns arrincará ás 18.00 horas, no pavillón toledano Primero de Mayo.

Nove puntos separan o Talavera (40) do Burela FS (31), que afrontará a cita como a xornada decisiva nas súas aspiracións de pelexar pola cabeza da táboa. Coa presión lóxica das grandes ocasións, o cadro de Suso Rey entrará na pista castelano-manchega sendo coñecedor das súas posibilidades ante os talaveranos. Os xogadores laranxas xa saborearon o triunfo ante a escuadra de David Marín, con 3-2 en Vista Alegre, aínda que o Primero de Mayo tamén sabe resistirse aos encantos da categoría; soamente o Illescas foi capaz de saír vitorioso destas instalacións, cun axustado 1-2, que repetiu a xornada pasada como local (3-2). Estes tres encontros suman os tres resultados en contra que posúe o Grupo de Empresas Talavera no que vai de competición, nun grupo que tamén lidera como conxunto menos goleado (42) e máximo goleador  (76).

Na convocatoria burelá volverá entrar o xuvenil Manuel, ante a recente saída do club de Juampe, que pechou esta mañá as negociacións co seu novo equipo, o Azkar Lugo, da División de Honra.  

Nos postos altos parece que a xornada se presenta máis doada para os rivais directos dos mariñáns. O Gijón-El Llano, segundo con 32 puntos, enfrontarase ao Extremadura Cáceres 2016, que é noveno, e o Illescas, cuarto con 28, visitará o pechacancelas, Camping-El Escorial.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores