Noticias
15 de xaneiro de 2010 Foto: Carlos Echevarría
O Burela FSF comeza 2010 sen lesións ante o Soto del Real

O Burela FSF Pescados Rubén comeza 2010 coa décimo quinta xornada de Honra sen lesións. O cadro de Javier Pardeiro afrontará mañá a visita do Soto del Real madrileño coa volta da pichichi laranxa, Lucía, que poderá gozar dos seus primeiros minutos dende a escordadura de nocello sufrida ante o Móstoles en decembro. Vista Alegre acollerá a cita ás 18.30 horas.

No antepenúltimo encontro da primeira volta, o Burela FS Feminino pelexará por regresar á súa senda triunfal, despois de despedir 2009 con derrota (9-0 ante as mostoleñas), e así seguir manténdose, coa súa actual sexta praza (24 puntos), con posibilidades de acceso á Copa de España, prevista para o 8-11 de abril en Ourense. Co Femesala Elche e o Valladolid FSF como próximos rivais, o conxunto laranxa debe facerse coa vitoria para non descolgarse dos sete primeiros postos, que xogarán a copa; enfronte terá un inimigo que é duodécimo, con 15 puntos, e que ata o momento só puido gañar 5 encontros, 2 deles como visitante, ante o Castelldefels (3-4) e o Kupsa 4 Arcos Logroño (2-3).

A última incorporación laranxa, a gardameta internacional brasileira Jozi, non poderá debutar na cita ante o Soto del Real por trámites burocráticos alleos ao CD Burela FS e á Federación Galega de Fútbol. Coa documentación presentada en tempo e forma, a xogadora non poderá estrearse en competición ata que o Consello Superior de Deportes emita a súa conformidade, cuxa recepción está prevista para os próximos días.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores