Noticias
6 de xaneiro de 2010
A internacional brasileira Jozi defenderá a meta do Burela FS Feminino

A gardameta brasileira internacional Joziane de Oliveira, máis coñecida como Jozi, vestirá a camisola do Burela FSF Pescados Rubén en Honra, no seu regreso do descanso de Nadal; a incorporación laranxa foi presentada onte nas oficinas do club polo presidente da entidade, José Ramón González Casas, e o directivo José Luís Sáez. Aos seus 27 anos, Jozi posúe unha prestixiosa traxectoria, onde destacan os títulos de campioa mundial universitaria de fútbol, en 2005, e campioa mundial de fútbol sala, en 2008.

Procedente do Kindermann-UNC-Caçador do seu país natal, club no que alternou a práctica de fútbol e fútbol sala dende 2004, a nova porteira laranxa incorporouse esta semana aos adestramentos do primeiro equipo feminino, enormemente motivada coa súa primeira experiencia deportiva en España: “Comezo esta nova etapa no Burela FSF moi ilusionada; o fútbol sala español sempre me atraeu pola súa rigorosa organización competitiva, ademais da diferenza de esquemas tácticos, e agora teño a oportunidade de ser unha peza activa desta engrenaxe”, explicou Jozi, que tamén espera ampliar en Galicia a súa formación en Psicoloxía profundando na especialidade deportiva. Tranquilidade e concentración definen á nova gardameta burelista, que se decidiu a cruzar o Atlántico pola “seguridade ofrecida dende o CD Burela FS, despois doutras tentativas de clubs españois por negociar comigo”.  

Co número 1 da Selección Brasileira de Fútbol Sala no seu poder dende 2005, Jozi foi convocada en 6 ocasións pola ‘canarinha’, ademais de ser reclamada pola selección de fútbol outras 5 veces. Entre outras mencións e xunto aos 39 títulos de campioa que ostenta dende as ligas rexionais ata os campionatos mundiais, en 2008 Jozi tamén recibiu o premio de Mellor Atleta Universitaria Brasileira do Comité Olímpico Brasileiro e foi recoñecida pola Federación Catarinense Universitaria como Atleta Universitaria Destacada; neste mesmo ano, ademais participou no proxecto ‘FIFA Futsal World Brazil’ promovendo as escolas de fútbol sala polo territorio brasileiro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores