Noticias
24 de setembro de 2009
A ourensá Lola chega a Burela para reforzar a portería laranxa

A ourensá Dolores Fernández Sotelo, Lola, arribou hoxe a Burela como última fichaxe do Burela FS Feminino Pescados Rubén para reforzar a portería laranxa; o presidente do club, José Ramón González Casas, acompañouna na súa presentación oficial nas oficinas da entidade. Froito de intensas negociacións durante a pretempada, a experimentada gardameta, de 34 anos, aceptou a proposta burelista para formar parte do proxecto feminino na súa primeira tempada en Honra, unha categoría que Lola coñece á perfección despois da súa estadía no Ponte Ourense (2006-07 e 2007-08).

Femesala Ourense, CD Ourense e Friol completan a traxectoria desta porteira que, despois de moitos cálculos, conseguiu compatibilizar o seu labor docente en Ribadavia co equipo laranxa. “Aínda que o proxecto sempre me resultou apetecible, a distancia entre Burela e o meu lugar de traballo foi a gran traba para decidirme; como deportista gústame dar o cento por cento e sei que esta nova etapa vai requirir un maior esforzo pola miña parte”.

Lola, que xa adestrará hoxe baixo as ordes de Javier Pardeiro, incorpórase ao equipo laranxa coñecendo a dificultade da categoría, pero tamén confiando na superación do Burela FSF. “A falta de experiencia en Honra é o maior hándicap do equipo, a diferenza dos outros ascendidos, que intentaron basear o seu vestiario en xogadoras de conxuntos que descenderon este ano. Non obstante, este é un grupo moi traballador e estou segura de que nos queda moito por demostrar; imos ir a mellor e incluso podemos dar algunha sorpresa”, concluíu a gardameta.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores