Noticias
31 de agosto de 2009
Dobre vitoria dos burelaos, ante Cidade de Narón (4-1) e Cáceres 2016 (2-4)

Co paso dos adestramentos, o Burela FS vai adquirindo corpo e compenetración e boa mostra diso son os últimos resultados, cunha fin de semana redonda para os laranxas, impoñéndose ao Cidade de Narón (4-1) e ao Extremadura-Cáceres 2016 (2-4) en 24 horas.

O periplo comezou o venres, en Vista Alegre, onde os pupilos de Suso Rey demostraron o seu bo xogo na presentación oficial, ante un dos fortes de Primeira Nacional A. O Cidade de Narón, co ex-burelista Juve nas súas filas, non tivo a máis mínima opción de neutralizar o ataque laranxa. Na primeira parte a portería naronesa resistiuse ata o minuto 16, cun lanzamento de Javi Rodríguez. Tras o descanso, foron Juampe (23), Dani Martín (33) e Purao (38) os encargados de sentenciar o amigable. Saíron no cinco inicial Brais, Juanma, Juampe, Dani Martín e Purao; tamén xogaron Revilla, Javi Rodríguez, André, Turero, Manuel e Edu.

No XIX Trofeo de Cáceres Patrimonio da Humanidade, o sábado, a vitoria volveu caer do lado do Burela FS, fronte a un equipo que repetirá compartindo o Grupo Norte de Prata cos laranxas en 2009-10. Nesta ocasión, Suso Rey apostou por Edu, André, Revilla, Juanma e Javi Rodríguez para conformar o cinco inicial. Aínda que foron os cacereños os que se adiantaron no marcador, xa no primeiro minuto, o conxunto burelista conseguiu chegar ao descanso con empate, 1-1, grazas a Juampe (minuto 15). Coa reanudación, o xuvenil Manuel anotou o 1-2 (33). Faltando tres minutos para o asubío final, os estremeños igualaban o electrónico, pero por pouco tempo, posto que os lanzamentos de Purao (37) e Juanma (38) resolveron o encontro. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores