Noticias
27 de agosto de 2009
Partido de presentación do Burela FS ante o Cidade de Narón

O Burela FS xoga mañá o seu partido de presentación ante o Cidade de Narón, de Primeira Nacional A; terá lugar na bomboneira a partir das 21.00 horas.

O conxunto laranxa recibe aos naroneses no seu cuarto encontro da pretempada, cun vestiario baseado na combinación de xogadores experimentados, como Purao, Juanma, Juampe, Revilla, Minu ou Edu, e novas promesas, como Brais, Javi Rodríguez, Christian, Dani Martín, André ou Turero. 

A amplitude de banco daralle un respiro a Suso Rey, que para esta cita recuperará a Dani Martín e Christian. Minu aínda non poderá estrearse na pretempada e Revilla será dúbida para mañá.

Sen tempo nin para descansar, os xogadores burelistas poñerán rumbo a Estremadura para disputar o seguinte amigable do calendario laranxa; será o sábado fronte ao Cáceres 2016, equipo que compartirá grupo cos laranxas na liga, ás 20.30 horas.

Copa Galicia Feminina

O sábado o protagonismo de Vista Alegre será para as xogadoras de Javier Pardeiro. O Burela FS Feminino presentarase ante a afección co primeiro enfrontamento dos cuartos da XIX Copa Galicia. Viajes Amarelle, antigo compañeiro laranxa en Prata, será o inimigo a bater no encontro que arrancará ás 18.30 horas.

O martes, 1 de setembro, ás burelistas tocaralles medirse ante o outro rival de grupo, Funeraria Apóstol FS, de Autonómica. O pavillón municipal de Restollal, en Santiago de Compostela, acollerá o duelo a partir das 20.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores