Noticias
12 de agosto de 2009
Raquel de Souza comeza a pretempada co Burela FS Feminino

A brasileira Raquel de Souza Noronha incorporarase hoxe ao Burela FS Feminino, no primeiro adestramento laranxa da pretempada. A pivote, de 31 anos, chega ao conxunto de Javier Pardeiro procedente do Encofra Navalcarnero FS de Honra, co que conseguiu proclamarse campioa da Copa de España nas tres últimas tempadas, ademais de gañar a Supercopa en 2009. 

A xogadora de Porto Alegre, presentada onte nas oficinas do club, estivo acompañada polo seu presidente, José Ramón González Casas, quen recoñeceu que “é un auténtico luxo para o Burela FSF e para o fútbol sala galego poder contar cunha deportista desta calidade”. A pivote, pola súa banda, mostrouse moi ilusionada por entrar a formar parte dun “proxecto ao que lle quedan moitos éxitos por diante”. “Despois de catro tempadas no Navalcarnero, con tres Copas e unha Supercopa, sentía que o meu ciclo alí xa concluíra; necesitaba cambiar de aires e loitar por obxectivos novos”, explicou Raquel de Souza.

A brasileira afronta a súa etapa burelá cunha tranquilidade lóxica, forxada polos anos de experiencia, e confía nas posibilidades do seu novo equipo. “En Honra non está nada escrito; o Burela FSF parte coas mesmas oportunidades ca calquera, non por ser novo na categoría ten que saír mal parado. Antes todo se repartía entre tres equipos, Navalcarnero, Móstoles e Femesala, pero dende hai un par de tempadas hai moita máis competencia”, concluíu a pivote.

Nas filas laranxas, Raquel reencontrarase cunha vella compañeira do Navalcarnero, Lucía Nespereira, ala-peche procedente do Ponte Ourense que tamén foi presentada oficialmente na tarde de onte polo presidente do Burela FS e o directivo Luis Antonio Guillén; con elas tamén se estreará a ex-xogadora do Valdetires Ferrol Lidia Mesías. Completarán o proxecto en Honra as xa coñecidas Irene, Dolo, Claudia, Marta e Ro, ás que se suma a recente renovación de Cuchi. Durante a pretempada tamén estarán presentes as viveirenses Lara Balseiro, que xa participou nalgún encontro co equipo en 2008-09 en Prata, e a porteira Carla Cora.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores