Entrevistas
27 de febreiro de 2019
Coñecemos a... Miguel Murias (podólogo)
Máis de dez anos de traballo conxunto unen a traxectoria do podólogo Miguel Ángel Murias Carrasco (Burela, 1981) ao Pescados Rubén Burela FS. “Hai 13 ou 14 anos, cando empecei a colaborar con este club, a figura do podólogo era pouco habitual, mesmo en grandes clubs de fútbol. Para min é un orgullo ser o podólogo do club durante todos estes anos, forma parte da miña vida, sobre todo polos lazos de amizade que me unen a gran parte da súa estrutura. Empecei sendo un pequeno colaborador, entendendo que o Burela FS é un club pequeno, e poñendo un graniño de area para que algún día poida ser grande. Todas as persoas e empresas que colaboramos desta forma, sabemos que somos unha parte importante para o club, sobre todo afectivamente”, explica Miguel Murias, cuxo traballo xunto ao vilagarciano Patricio Serqueira o levou a compartir en Moscova o Congreso Internacional de Cirurxía do Pé en Deportistas de Alta Competición (Universidade de Sechenov) con eminencias da talla de Niek van Dyk, no outono pasado.


-Inaugurou a súa clínica en Burela en 2003. Como evolucionou a podoloxía desde entón?

- A podoloxía é unha especialidade relativamente moderna que evolucionou moito nos últimos anos, sobre todo na área cirúrxica e biomecánica.

O boom do ciclismo, mountain bike, running, trails… tamén conduce a que nos impliquemos máis en aspectos biomecánicos xa que o deportista amateur cada vez se coida máis. Os podólogos estamos a concienciar os deportistas de que cada persoa ten que ter un podólogo de cabeceira porque non todos os pés son iguais e non todos pisamos igual, fronte a un zapato estándar.

Despois o resto do traballo, o día a día, céntrase en xente maior, queratose, uñas encarnadas…


-Entón cre que calquera paciente debería ter acceso a un podólogo en atención primaria?


- É unha carreira pública sanitaria, pero non estamos englobados dentro do Sistema Público Sanitario; é unha incongruencia. Nós non podemos chegar aos pacientes e moitos deles non saben todas as solucións que teñen para os seus problemas, sobre todo de idade avanzada.

- Que problemas adoita ter un xogador/ora de fútbol sala?


- Desde pequenas cousas, como un bocha en pretempada, que parece algo insignificante pero que ao final che pode facer perder dúas ou tres semanas de adestramentos fundamentais, feridas ou uñas encarnadas ata problemas como escordaduras, tendinites, fascite porque usan unhas zapatillas demasiado flexibles, e mesmo fracturas.

-Como se marca o traballo dun podólogo ao longo da tempada?


- En pretempada facemos un estudo de cada xogador e a partir de aí facemos un plan preventivo, indicando os seus puntos débiles, co seu posterior seguimento e control. O médico, Javier Couce, o preparador físico, Alfonso Mera, o fisioterapeuta, Arturo Martín, e eu reunímonos en pretempada para elaborar un plan individualizado e facer un seguimento en función das súas necesidades.

-O deportista é un bo paciente?


- Non adoitan ser bos pacientes porque todos acostumamos ser uns pouco médicos e ademais o deportista ás veces oe cantos de serea de todos lados, buscando solucionar os seus problemas de saúde rapidamente. Pero hai algo moi importante, un deportista profesional ten as súas sensacións e como no resto das áreas, para un podólogo é moi importante captar esas sensacións, exercer un pouco de psicólogo, para tratar algunhas dores a partir dun bo diagnóstico.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores