Entrevistas
23 de febreiro de 2016
Judith: 'Grazas ao que estou aprendendo aquí tamén formo parte da selección'

A xogadora do Burela FS Pescados Rubén Judith Pedreira regresou esta semana de Almagro coa clasificación de Galicia Sub-21 para a fase final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. “Grazas a todo o que estou aprendendo aquí en Burela tamén podo formar parte da selección” aseguraba a novísima laranxa, moi contenta coa experiencia co combinado galego, cunha activa participación nas rotacións.


“Ao ser o primeiro ano de Sub-21 non contaba dispoñer de tantos minutos, pero foi todo moi ben. Á maioría das compañeiras xa as coñecía, ben de compartir pista en anos anteriores, ben de fóra” falaba así Judith do grande ambiente da selección tras a súa volta aos adestramentos con Lucas. “Tocounos un grupo a priori menos complicado ca outros, onde estaban por exemplo Madrid ou Cataluña, e foi todo sen sobresaltos. No primeiro partido, con Navarra (7-1), saímos algo nerviosas, pero o segundo, con Castela A Mancha (2-12), xa foi máis cómodo” explicaba burelista, tras as dúas goleadas da Irmandiña.


A 15 laranxa xa pensa nos próximos retos da Galicia. “En semifinais toca Murcia, a ver se pasamos. Será complicado pero creo que Galicia ten equipo para iso” adiantaba con optimismo Judith da fase final que se disputará entre o 5 e o 6 de marzo na localidade madrileña de Parla; o outro billete para a gran cita disputarano Aragón e Madrid.



Pitero, con España Sub-19


Outra das xoias laranxas, Christian Rivas, Pitero, tamén está gozando dunha experiencia única no fútbol sala. O burelista defenderá a camisola de España Sub-19 nos compromisos que a Vermella disputará hoxe e mañá fronte a Portugal (20.30 horas) en Águilas (Murcia).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores