Entrevistas
3 de xuño de 2015
Descubrindo a... Frenos Carpe
Carlos Neira Lestao, xerente de Frenos Carpe Manuel Blanco, xunto a Carlos Neira Pena

 


O presidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco, visitou a delegación de Frenos Carpe de Burela para facerlle entrega a un dos seus fundadores, Carlos Neira Pena, dun cadro de agradecemento polo compromiso co club laranxa.


 


Carlos Neira Lestao, xerente de Frenos Carpe
Burela, 13 de outubro de 1976


 


Na segunda xeración á fronte de Frenos Carpe, Carlos Neira Lestao debulla a experiencia dunha empresa con máis de catro décadas de traxectoria no mundo do recambio de automoción, vehículo industrial e industria.  http://www.frenoscarpe.es/


 


- Como é traballar man a man con case toda a familia?


- O mellor é que hai moita implicación por parte de todos, pero tamén hai unha parte menos boa porque cada un tamén temos o noso carácter e aínda que intentamos separar o laboral do familiar ás veces é difícil.



- Como foron os inicios de Frenos Carpe?


- A empresa fundárona meu pai e meu tío en Burela en 1974. No 84 montouse a primeira delegación, en Lugo. O noso ámbito de aplicación céntrase en Galicia e Asturias; dende o 94-95 pasamos a Portugal.


Somos a segunda xeración; comigo traballan meus irmáns Alejandra e Elbio e miña curmá Paula. Tamén estiveron na empresa miñas outras dúas irmás, Celia e Romina, que agora están involucradas en Saint Tropez, un negocio de moda que están sacando adiante dende cero con moito traballo.


 


- Ultimamente está en expansión. Ademais de en Burela e Lugo, onde está Frenos Carpe?


- Temos outras dúas delegacións en Ribadeo, creada hai dez anos, e en Abadín, dende hai un ano. Nesta última buscabamos o ámbito agrícola, que era o que nos faltaba na automoción, nunha localización entre Lugo e A Mariña idónea para nós neste mercado.


Na actualidade 26 familias dependemos de Frenos Carpe.



- O negocio segue a ser o mesmo ou houbo cambios?


- Comezamos cunha pequena industria manufacturando zapatas de freo e de aí foise evolucionando a todo o que é o recambio. Nunha vila pequena o ámbito de aplicación diversifícase moito, traballamos automoción, vehículo industrial e algo de industria, ademais de estar moi influídos por Alcoa. Onde haxa un motor e unhas rodas movémonos.


 


- Proxectos de futuro?


- Hai moitos proxectos pero para convertelos en realidade precísase solvencia económica. Entre todo o que temos en mente, estamos moi interesados na apertura da Coruña, unha zona moi importante para nós, e temos un novo proxecto en Vigo, que xa está funcionando. Con isto xa temos bastante de momento.


 


- Frenos Carpe é un fiel colaborador do Burela FS, que ano a ano se involucra máis. Como xurdiu ese apoio?


- En Frenos Carpe sempre apoiamos o deporte da vila. Estivemos co club de fútbol, con baloncesto, axudamos os nenos da escola de fútbol... aínda que moitas veces creo que este tipo de apoios por parte do sector privado non se valora o suficiente entre a cidadanía, parece que eses apoios non se ven. Con todo, nós sempre o fixemos e ímolo seguir facendo en maior ou menor medida, segundo nolo permita a  nosa situación.


A nosa relación xurdiu por amizade. O que daquela era o presidente, José Ramón González Casas, é amigo meu, pediumo e comezamos colaborar sen dúbidas; ademais temos unha relación moi forte co patrocinador principal e aí seguimos.



- Que supón para Frenos Carpe ese vínculo co Burela FS?


Creo que economicamente é difícil de valorar. O noso apoio móvese polo vínculo que hai co pobo, se non non seguiriamos.


É moi bonito para unha vila coma Burela que equipos como o Barcelona ou o Inter veñan e por iso nós apoiamos, ademais de que creo que hai  moitos sectores, coma a hostalería, que se benefician directamente de que o club chegara ata onde está e que Burela reciba todas as fins de semana equipos de toda España.


Se un día perdemos isto, creo que será cando se valore realmente.



- Outros apoios?


- Colaboramos a tempada pasada coa escola de fútbol. Todo o que sexa axudar o pobo de Burela é importante para nós, que tamén vivimos del.



- Como ve o apoio ao deporte na Mariña? Quen cre se debería implicar máis?


- Creo que non se debe centrar nin só no sector público, nin só no privado. Á parte da axuda económica, moi importante, ten que haber xente que por vontade propia faga esforzos sen pensar en que lle vaia repercutir, sen esperar recibir nada a cambio, simplemente a satisfacción de facer algo bonito. O tecido asociativo só se mantén se detrás  hai xente comprometida.



- Que lle parece a traxectoria do Burela FS Pescados Rubén?


- Unha traxectoria inmellorable. Estar en Primeira División, tanto feminina coma masculina, unha vila tan pequena paréceme un éxito tan grande, é algo impresionante. Non sei o tempo que seremos capaces de mantelo porque fai falta un investimento constante e para iso todos os apoios son importantes e necesarios.
Esta temporada foi impresionante, con rapaces da casa; a Copa de España en Cidade Real tamén foi incrible, coa pena das semifinais que escapou por poucos segundos.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores