Entrevistas
28 de abril de 2015
Descubrindo a... Galipizza

José Manuel Vázquez Cerdeiras, xerente do grupo Pizzbur Playa
Viveiro, 1969


 


- Como se define o mundo Galipizza?


- É unha idea que xorde a raíz dun concurso de tapas que fixemos en Ribadeo e vimos que tiña moita aceptación. É unha proposta de cociña diferente; son pizzas que levan queixo de San Simón, nada de mozzarela, con produto cento por cento galego; hainas que levan produtos doutras comunidades, coma a Xacobea, pero polo xeral é na súa totalidade con materia prima galega. Os Xoves de Tapeo axúdannos a ir introducindo novidades, damos a probar diferentes formatos de Galipizza e vemos cales teñen máis demanda.


A idea é darlles máis saída a moitos produtos galegos que están encadradros nunha forma de cociñar máis tradicional. Por exemplo, co grelo tamén se poden facer pizzas.


 


- O Grupo Pizzbur Playa tamén engloba outros negocios.


- Agora mesmo temos catro Galipizza, en Viveiro, Ribadeo, Culleredo e Santiago, e outros dous negocios en Covas, As Tixolas e La Dékada.


As Tixolas é un local de comida tradicional, de cociña galega;  naceu coa idea de casa de xantar. La Dékada nunca a sei definir; é un sitio diferente. Facemos música en directo, monólogos, temos cócteles... É un local para a xuventude; as fins de semana ten sempre xente a partir de 13-14 anos. Tamén temos algunha pizza, brusquetas, as hamburguesas témolas en pan de tetiña, kebabs...


 


- Cales foron os seus inicios profesionais e como xurdiu a idea de Galipizza?


- Xa hai 22 anos que empezamos en Covas coa Pizzbur, cun local que non tiña nada que ver co de agora. Era un local de pizzas, hamburguesas e combinados que abrimos pensado soamente para o verán, pero despois houbo boa resposta e seguimos funcionando ben no inverno, ampliando a carta para que os pais non viñeran só traer os nenos senón que tamén quedaran eles a picar algo. Daquela eramos dous socios, despois separamos a sociedade e a raíz diso eu atopei un pouco máis de liberdade de crear cousas novas.



- Cales son as receitas máis exitosas?


- Cada certo tempo metemos cousas novas. Cando introducimos a comida mexicana parecía un pouco descabelado e agora é unha das máis demandadas.


Despois depende das zonas. En Culleredo e Santiago xa abrimos co nome de Galipizza e véndense moitas máis Galipizzas que aquí, na costa, que a xente é máis tradicional, da pizza de sempre. As hamburguesas gourmet, que agora están moi de moda, nós xa as temos dende hai catro anos e tamén teñen moi boa saída.



Ao facer o Xoves de Tapeo, por 1,5 euros un cliente proba algunhas receitas que a priori poden parecer moi arriscadas e que talvez nunha carta non se atreverían a pedir. Isto axúdanos como termómetro para saber qué podemos introducir na carta; pasounos, por exemplo, coa hamburguesa con froitos vermellos.



- Covas, Ribadeo, Culleredo, Santiago... Agora tamén o centro da Coruña. A expansión vai vento en popa, non?


- Na Coruña centro (rúa Rubines, en fronte á praia de Riazor) e en Xixón son franquías; a de Asturias xa abrirá a mediados de maio. Despois destes negocios, o noso grupo abrirá en Oviedo local propio.


Xa levamos traballando na idea das franquías uns catro anos; é unha franquía que require certas condicións, cunha cociña grande, somos esixentes en decoración... Isto supón certos custos e, para reducir os gastos iniciais e facelo más accesible, entre as dúas partes, os franquiciados e nós, intentamos atopar locais que xa funcionaran con anterioridade, para evitar facer toda a obra dende o comezo. O da Coruña xa funcionaba como La Fábrica e o noso de Oviedo tamén foi unha pizzería.



- A idea de entrar con Galipizza en Asturias xurdiu da revolución mediática das Cachopizzas?


- Non... xa estábamos negociando en Oviedo e tiñamos pechado o de Xixón. As Cachopizzas foron unha tentativa de homenaxe á cociña asturiana e resultou ser a publicidade máis rendible que nunca tiven, cunha avalancha nas redes sociais; durante moitos meses foi a pizza máis vendida en Ribadeo.


Agora estamos traballando nunha hamburguesa de millo que tamén vai ser moi asturiana, con queixo de Taramundi e estamos falando cos artesáns de navallas de Taramundi para facer unha presentación conxunta.
 
Traballamos moito con colaboracións. A nós gústanos que o empresariado galego saia para adiante e se podemos axudar facémolo. Por exemplo, colaboramos cuns rapaces de Cedeira que querían introducir unhas algas e elaboramos pizzas cunha alga con sabor a percebe e tamén estamos probando con outras algas, por exemplo, unha vexetariana, na liña dunha Galipizza máis light.


 


- Nas últimas tempadas Galipizza apoia o CD Burela FS Pescados Rubén de Primeira División RFEF. Como nace esa relación?


- Foi a través de Nando, o xerente. Xa o coñecía de cando tiñamos a pizzería en Burela, era cliente coa súa pandilla, e collemos amizade. Perderamos o contacto pero un día chamoume para plantexarme o proxecto do Burela FS Feminino e gustoume porque é algo diferente, na liña de Galipizza. O deporte feminino non está suficientemente apoiado, gustoume moito a proposta e pareceume interesante.


É unha publicidade que che devolven con creces, as rapazas móvense moito nas redes sociais, visitan Galipizza, sacan fotos... É unha das colaboracións coas que máis contento estou. Para o ano se queren contar comigo, seguirei sen problema.



- Galipizza tamén apoia outras disciplinas deportivas e eventos culturais dentro e fóra da comarca.


- Iso xestiónoo eu directamente; comezas a colaborar e pouco a pouco vas implicándote máis.


Últimamente fomos a Madrid con Heredeiros da Crus e os fans e agora estamos traballando xa no Resurrection Fest, que é toda unha referencia en España e fóra; imos apostar forte poñendo unha cociña no recinto.


 


En deporte estamos co atleta Adrián Ben, campión de España dos 5.000 metros. Esa é unha aposta máis persoal, non é o mesmo que patrocinar a un equipo. É un rapaz que pon moitas ganas, é todo ilusión, que lamentablemente ten que adestrar no paseo marítimo. Este ano imos apoialo economicamente para que poida ir adestrar a Lugo nunhas pistas axeitadas. Tamén axudamos a un neno de apenas 7 anos da Coruña que compite en karts con moi boas marcas e é un gran seguidor do coche de Galipizza nos rallies; contribuímos hai uns días para que puidera arranxar o seu motor.



- Hai algunha aposta nova nun futuro próximo?


- Agora mesmo temos unha liña de apoios bastante ampla e diversa; seguiremos traballando con eles na medida en que poidamos pero polo momento non faremos nada novo.



- Como ve a vida deportiva e cultural da Mariña?


- Moi completa e con xente moi preparada. Pero as axudas brillan pola súa ausencia, sobre todo en tema de deporte. Seino por todas as ofertas que me chegan todos os días e incluso fóra da Mariña, para A Coruña e sobre todo para Santiago, onde fixemos un torneo co Obradoiro.


Na Mariña habería que deixarse de localismos... por exemplo habilitar unhas instalacións adecuadas para toda a comarca; non fai falta unha pista de atletismo para cada concello pero si talvez para A Mariña. Pero creo que chegar a este acordo é moi difícil.


Por outro lado, creo que o apoio á base é fundamental. Agora mesmo colaboramos coas escolas de fútbol base de Ribadeo, Conxo e Viveiro porque ves que non teñen axudas e intentas colaborar aínda que non podes facelo con todo o mundo.



- Por último, pódenos adiantar algunha novidade culinaria na que xa estea a traballar Galipizza?



- Para a revista nova imos crear unha nova hamburguesa cun pan de fariña de millo e trigo, esta vai ser unha das incorporacións na nova carta. Tamén teremos algunha Galipizza máis. Facemos pequenas modificacións habitualmente, pero a carta xa é moi ampla.


 



Información en pizzbur.gl

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores