Entrevistas
15 de xaneiro de 2014
“En Londres 2012 cumprín o soño que tiña desde sempre”

Daniela Montoya (Medellín, Colombia, 1990) volveu a Europa para quedarse e revivir no Burela Pescados Rubén os momentos de xúbilo que gozou como mediocentro da selección colombiana de fútbol, coa que disputou varios Mundiais e as Olimpiadas de Londres. Mentres agarda con ilusión o seu primeiro partido no Vista Alegre, a nova xogadora burelista pide “un pouco de paciencia” ao público para demostrar o seu verdadeiro potencial.


 


-Como viviu o seu debut co Burela feminino?
-Con moita emoción. Tiña moitas ganas de estar xa en Burela e xogar con esta camiseta. Estou feliz porque por fin puiden debutar e porque o equipo gañou o partido.


 


-O seu acordo co club vén de moi atrás. Os temas burocráticos fixéronlle temer pola súa fichaxe?
-As conversacións empezaron xa en outubro e pronto se pechou o acordo. É verdade que o papeleo atrasou un pouco todo, pero nunca perdín a fe e dou grazas a Deus porque as cousas sairan ben para todos.


 


-Procede do CD Formas Íntimas, de Medellín. Como é o seu antigo club?
-É o mellor club de fútbol feminino que hai en Colombia e está patrocinado por unha empresa de roupa íntima. O ano pasado fomos subcampeonas da Copa Libertadores, perdemos a final co San José de Brasil.



-E como é a liga colombiana?
-Non hai un campionato profesional como aquí. Organízanse torneos clasificatorios para a Copa Libertadores nos que participan os mellores equipos de todo o país.


 


-Vén entón de xogar ao fútbol, non ao fútbol sala
-Tamén xoguei varios campionatos internacionais de fútbol sala, que alí chamamos fútbol de salón, aínda que os meus mellores momentos deportivos vivinos como xogadora de fútbol. Xogaba de mediocentro.


 


-E foi internacional
-Xoguei o Mundial sub-20 en Alemania, fomos cuartas, e o Mundial absoluto, tamén en Alemania. Foi unha experiencia inesquecible, pero nada comparable co vivido nos Xogos Olímpicos de Londres, onde cumprín o soño que tiña desde sempre. Representar ao teu país nunhas Olimpiadas é o máximo ao que pode aspirar un deportista.


 


-En Burela esperan moito de Daniela.
-E eu espero estar á altura das expectativas.



-Marcouse algún prazo de adaptación?
-Tanto o adestrador como as compañeiras e a xente do club estanme axudando moitísimo para que me atope a gusto. Hai que ter paciencia porque terá que pasar algún tempo antes de que poida mostrar as miñas verdadeiras calidades. 


 


Entrevista de: La Voz de Galicia. Ignacio Meitín

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores