Entrevistas
22 de outubro de 2013
Iago: 'Con estes compañeiros e este adestrador é máis doado crecer'
Foto: A Caixa Escura

As maiores ovacións no Burela-Barça do sábado foron para Iago Míguez. Partidazo o seu. Coma o de Mimi, o outro guerreiro burelista que mellor rendemento ofreceu diante do xigante blaugrana. "Sería inxusto sinalar a un ou a dous xogadores, todo o equipo estivo a un nivel incrible se non sería imposible sacar un punto ante un rival que é, posiblemente, o mellor equipo do mundo". Iago Míguez quédase co "gran traballo" colectivo máis que coa súa destacada actuación, das mellores como burelista e desde que é profesional.


Para o xogador mariñán, de só 22 anos, o bo resultado (2-2) obtido ante o cadro barcelonista reforza a teoría de que este Burela está capacitado para alternar cos grandes clubs da Primeira División. "Temos todo o necesario, o que nos falta é tempo para empezar a funcionar de verdade. Estou seguro de que en nada seremos un equipo regular e moi difícil de bater", indica.


Iago Míguez progresa adecuadamente. A día de hoxe é un dos xogadores do equipo laranxa máis en forma e admirados pola afección do Vista Alegre. Recoñece estar pasando por "un gran momento" e afirma que é o resultado do esforzo que pon en cada sesión de traballo e o feito de estar rodeado de tanta calidade. "Con estes compañeiros e este adestrador é máis doado crecer. Sempre aprendes algo en cada adestramento e en cada partido", engadiu.


 


FONTE: La Voz de Galicia

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores