Entrevistas
8 de outubro de 2013
Maite: 'Estou moi contenta de sumar, e máis sendo na casa'
Foto: A Caixa Escura

Dous tantos da ala laranxa Maite García da Montaña catapultaron a primeira vitoria do CD Burela FS Pescados Rubén na casa e con derbi galego, fronte ao Cidade das Burgas (4-2). “Estou contenta de sumar, e máis sendo na casa. Estou feliz tamén por estrearme porque adoita custarme máis tempo que me entre o gol” confesaba a xogadora. “Creo que o partido sempre estivo controlado, aínda que o sentenciamos na segunda parte. O seu primeiro gol chegou na primeira ocasión que tiveron e foi máis por descoido noso que por mérito do Cidade” sopesou a burelista.


As pupilas de Quico Otero terán este sábado un dos seus desprazamentos máis complicados e de máis quilómetros, con UA Alicante (19.00 horas). “É un dos equipos mellor reforzados e á chegada de grandes fichaxes hai que engadir a dificultade dunha pista de lentitude excesiva para o noso tipo de xogo, que frea moito o balón” adiantaba Maite, incidindo tamén no hándicap das distancias. “Teremos catorce horas por diante de autobús, aínda que é mellor que nos coincida agora ca máis adiante entre outras viaxes longas” puntualizaba a cacereña.


Maite tamén mostrou a súa alegría pola posición das laranxas na táboa, aínda que con certa cautela. “É un bo comezo, pero debemos mantelo con traballo. Este ano vai ser moi complicado estar aí arriba; para a Copa clasifícanse os catro primeiros e calquera descoido nun partido pode facer que perdas puntos e que os gañen os demais” advertía a xogadora, mantendo os obxectivos burelistas intactos. “A nosa intención é volver loitar polo título, vai ser difícil, pero temos ilusión e traballo para conseguilo. Creo que todo é cuestión de tempo e estes resultados dannos confianza para iso”, finalizaba a burelista, esperando que a enfermería se alixeire con celeridade e libere a Jozi, Paula e Marcela: “Nos últimos minutos nótase que falta unha marcha; pedimos polo menos a unha xogadora máis que sume”.


 


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores