Entrevistas
1 de outubro de 2013
Quico Otero: 'Esta vitoria dános confianza'

O adestrador do Burela FS Pescados Rubén, Quico Otero, mostrouse satisfeito polos tres puntos na pista de Valdetires FSF (2-4), sobre todo despois do empate da xornada inicial. “O máis importante é que sacamos adiante o encontro, algo que necesitabamos para que as xogadoras vaian collendo confianza”, afirmou o técnico, que cre que o partido foi “un calco” da primeira xornada, aínda que con mellor desenlace. “Volvemos perdoar ocasións clamorosas e complicámonos deixando que o rival tivese fe nas súas posibilidades”, sinalou.


Otero fai unha distinción entre o xogo que está practicando o equipo e o aproveitamento que fai do fútbol sala que desprega. “A liña de xogo é boa, pero cometemos algún erro que non deberiamos e sobre todo temos moi pouco tino na finalización, algo que nos está complicando moito”, sinalou o preparador do Burela FS, que cre que o triunfo debería ser moito máis folgado. “Pasamos algún momento de dúbida, pero en liñas xerais tivemos moita agresividade e xeramos moitas ocasións. O que non podemos permitirnos é o luxo de lanzar 8 disparos na primeira parte dentro da área e aproveitar só dúas. Valoro o atrevemento do tramo final para repoñernos do 2-2 e acabar gañando”, engadiu o técnico.


O campión de liga afrontará agora o seu segundo duelo de rivalidade galega consecutivo recibindo na casa ao Cidade das Burgas, un equipo que acaba de vencer ao UA Alicante (5-3), un dos favoritos. “Aínda estamos empezando, pero xa se ve que a liga está moi nivelada. A demostración foi a derrota do Alicante na pista das Burgas despois de que na primeira semana as levantinas golearan con claridade (7-0) precisamente ao Valdetires. É axiña para facer unha análise do que pode pasar”, concluíu.


FONTE: A Mariña-El Progreso


 


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores