Entrevistas
30 de xullo de 2013
Silvia Rubal: 'É un orgullo seguir aprendendo no Burela FS'

Outra das grandes promesas do fútbol sala mariñán, do futuro laranxa, Silvia Rubal, tamén prolongará o seu vínculo co Burela FS Pescados Rubén en Primeira RFEF para 2013-14. “É un orgullo seguir aprendendo con este equipo; espero ir contando pouco a pouco con máis minutos e introducirme cada vez máis na dinámica das miñas compañeiras“ confesaba con ollos brillantes a ala xuvenil, xunto ao presidente da entidade, Manuel Blanco, e o secretario, Antonio Couto, que loaron “a entrega e o traballo” da xogadora que chegou á familia burelista en 2010.


Silvia, de tan só 17 anos, amosouse moi emocionada cos novos retos: “Os éxitos da tempada pasada abrirannos as portas de competicións que son todo un caramelo, competicións que carrexan unha motivación e unha ilusión extra. Na liga tamén respiraremos un aire especial, con dez derbis autonómicos, unha liga que pon de relevancia o bo traballo que está facendo polo deporte feminino en Galicia”.


A xoia laranxa quixo agradecer todas as mostras de cariño recibidas polo histórico dobrete e animou á xuventude mariñá para seguir gozando do mundo do futsal: “Para nós é unha honra que nos fagan ver como referentes de tantas e tantas nenas ás que lles gusta o fútbol sala ou calquera outro deporte na Mariña. Eu anímoas a que sigan practicando e traballando porque o fútbol sala lles vai facer vivir momentos moi bos, momentos que só o día a día do deporte é capaz de proporcionar“ explicaba Silvia, que este ano compatibilizará o seu labor na elite futbolística cos estudos de Educación Infantil en Ribadeo.


A burelá convértese na novena xogadora do cadro co que comezará Quico Otero a preparar a pretempada a partir da próxima semana, coas renovacións de Lidia Mesías, Peque, Maite, Jozi, Lara e Paula, o regreso da focega Claudia, dende o Valladolid FS, e a incorporación da ala-peche Bea Mateos, procedente do Orvina.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores