Entrevistas
26 de xullo de 2013
Edu, un ano máis como baluarte da portería burelista

Eduardo Saavedra continuará un ano máis como baluarte da portería do CD Burela FS Pescados Rubén. No peche do acordo estiveron xunto a Edu o presidente do club, Manuel Blanco, e o directivo Marcelino Luna, que aplaudiron a renovación do naronés como “unha garantía para que o equipo poida seguir medrando na máxima categoría”.


“Pode ser unha tempada marabillosa para o Burela FS” aseguraba o experimentado co-capitán, de 34 anos, baseándose na conxunción do proxecto entre a conservación dun bloque sólido e a chegada de reforzos necesarios: “Mantemos a columna vertebral do equipo, temos unha base firme e as incorporacións, con xogadores novos e de percorrido na categoría, axudarannos a dar ese salto de calidade que perseguimos para consolidarnos en Primeira” xustificaba o meta laranxa, moi motivado para a nova competición. “Traballarei por ser o máis regular posible e axudar o equipo. O ano pasado conseguín recuperarme ben da intervención de menisco e puiden pechar un bo exercicio; intentarei comezar a tempada coas esixencias e eficacia que rematei a pasada” dixo Edu, que compartirá responsabilidades baixo os paus co novísimo Álex, procedente do Santiago Futsal.


O porteiro, que comezará o seu sexto exercicio como laranxa, o segundo na última etapa, identifica a “fortaleza na casa” como a clave para pelexar por todo e atribúelle moita da responsabilidade a súa querida afección laranxa: “O apoio de Vista Alegre foi fundamental o ano pasado para superar todo tipo de adversidades e volverá selo en 2013-14; coa ilusión que irradia este novo proxecto, con incorporacións de calidade contrastada, a bancada responderá coma sempre ou incluso mellor”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores