Entrevistas
24 de xullo de 2013
O capitán laranxa, Juanma, formaliza a súa continuidade

O capitán laranxa, Juanma Marrube, vén de formalizar a súa continuidade no CD Burela FS Pescados Rubén para 2013-14. O pivote mariñán abre o apartado de renovacións do cadro de Juanlu, sumándose a Matamoros, Mimi e Iago Míguez, con contrato en vigor, e ás novidades do ala Hugo e o meta Álex, procedentes do Santiago Futsal, e o ala Antoñito, dende o Caja Segovia.


Xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale, o Mariskal confesaba a súa ilusión pola segunda tempada en Primeira con expectativas de dar un salto de calidade: “Despois de superar moitos obstáculos o ano pasado, tanto pola situación do equipo coma pola cirurxía á que me sometín, a meta deste ano pasa por consolidar o proxecto, non pasar apuros na clasificación e se se pode subir un chanzo mellor”. “É a continuidade dun proxecto que mantén a ilusión para todos, xogadores, directiva e afección, por seguir mellorando. Asumimos 2013-14 con cautela e cos pés no chan, pero tamén sabendo que as cousas se están facendo ben e que estamos creando un proxecto con posibilidades e ganas” dicía con optimismo o pivote.


A punto de internarse na súa oitava tempada consecutiva nas filas mariñás, o capitán laranxa, de 33 anos, foxe con humildade do cartel de ser un referente no vestiario e recoñécese con sorte de pertencer ao proxecto: “Síntome afortunado neste club. Fomos medrando da man, fun aprendendo e adaptándome aos cambios de categoría e de vestiario. Para min é un orgullo ser un máis deste cadro e dende esa experiencia axudarei aos compañeiros” explicaba o dorsal 8 burelista.


Blanco e Dovale destacaron a comuñón que existe entre o alfocego e a entidade laranxa e destacaron as súas aptitudes: “Ao longo de todos estes anos, o compromiso e o traballo de Juanma conseguiron gañar a confianza do club e a admiración da afección. É un xogador da terra no que se pode reflectir a estrutura de base, un deportista que demostrou que con esforzo e dedicación se pode medrar e alcanzar a elite”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores