Entrevistas
4 de xullo de 2013
Dolo pecha a súa etapa co Burela FS
Foto: Cantera Deportiva

A ala Dolores Sánchez García non disputará a tempada 2013-14 co CD Burela FS Pescados Rubén. Unida ao proxecto laranxa dende o seu nacemento, Dolo (Curtis, 1980) colga o dorsal 5 e pecha a súa etapa na Mariña: “O club deume a opción de seguir, pero creo que este é o mellor momento para pechar a miña etapa en Burela; coa consecución da Liga e da Copa de España” explicaba unha das capitás da tempada histórica do equipo.


“Cheguei hai cinco anos para involucrarme nun proxecto que se cumpriu de sobra. Co Burela FS vivín un ascenso a Honra, dous títulos de Copa Galicia, Liga e Copa de España, todo iso rodeada da xente que quería e gozando co pobo de Burela, que sempre nos apoiou” repasaba así a súa traxectoria na entidade mariñá a coruñesa, protagonista de todos os grandes momentos do equipo ao longo do seu crecemento e evolución.


“Non me queda máis que dar as grazas ao club polo trato exquisito que recibín aquí; sentinme moi cómoda cunha vila que me acolleu cos brazos abertos. Cada vez que me lembre deste club fareino con alegría” así se quixo despedir da familia laranxa Dolo, que tamén confesou o seu desexo de continuar o seu percorrido deportivo: “Na miña mente non está retirarme do fútbol sala” puntualizaba a xogadora.


A directiva do CD Burela FS agradeceu e loou a profesionalidade, compromiso e entrega da deportista, vinculada ao equipo dende os seus primeiros pasos: “O nome de Dolo quedará gravado para sempre na historia do club; a súa experiencia, temperanza e serenidade serviron de acicate para un proxecto incipiente, repleto de ilusión, que conseguiu posicionarse entre os mellores de España“ explicou o presidente, Manuel Blanco, cos mellores desexos de toda a estrutura laranxa para o futuro persoal e profesional da coruñesa.  

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores