Entrevistas
2 de xullo de 2013
Jozi, unha tempada máis baixo os paus burelistas

A internacional brasileira Joziane de Oliveira continuará unha tempada máis baixo os paus burelistas. A gardameta, de 31 anos, asinou a renovación xunto ao presidente do club laranxa, Manuel Blanco, e o directivo Ángel Fernández Véquez, a finais da semana pasada, antes de marchar de vacacións ao seu país.


Jozi atribuíu o seu compromiso polo quinto ano co equipo da Mariña “tanto polos novos retos deportivos como polo cariño que sempre me demostrou a xente en Burela”, a pesar de que a saudade pola súa terra a punto estivo de afastala das filas laranxas: “Foi unha decisión moi meditada; estiven sopesando durante moito tempo a posibilidade de regresar ao Brasil e ao meu antigo equipo, Kindermann-Caçador, pero ao final decanteime por continuar outra tempada máis aquí”. A porteira non ten dúbidas; para ela o Burela FS seguirá dando que falar en 2013-14: “Confío en que o equipo siga sendo forte; estou segura de que o club buscará reforzos onde sexa necesario. Teremos que adaptarnos con celeridade ás credenciais do novo adestrador para continuar sendo un equipo peleón. As claves dos últimos anos, traballo e equipo, manteranse como os nosos sinais de identidade” explicaba con optimismo a canarinha.


Os dirixentes do CD Burela FS Pescados Rubén coincidiron en destacar “a firmeza e seguridade de Jozi como un dos puntais que fixo evolucionar o equipo ata marcar historia; a súa achega seguirá contribuíndo para manter o cadro mariñán como a referencia defensiva da elite na vindeira tempada”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores