Entrevistas
28 de xuño de 2013
Lucía Nespereira di adeus tras catro tempadas

A carismática Lucía Nespereira non participará no proxecto do CD Burela FS Pescados Rubén en 2013-14. A ala-peche di adeus tras catro tempadas no Burela FS cunha mestura de sentimentos: “Voume con tristeza, pero tamén feliz pola marabillosa etapa vivida aquí. Cheguei atraída por un proxecto moi motivador e ilusionante que para min creo que rematou esta tempada, co dobrete” xustificaba así a súa marcha a ourensá.


A xogadora, que finalizará oficialmente contrato o 30 de xuño, recoñeceu e agradeceu o interese amosado polo club laranxa para a súa continuidade: “O presidente fixo todo o posible para facilitar un acordo, pero a decisión xa estaba tomada” dixo Lucía, confesando ademais a súa intención de seguir dando guerra nas pistas: “Quero seguir xogando, nestes días decidirei o meu futuro”.


Facendo repaso da súa estancia na Mariña, ‘Puyol’, como foi alcumada polos seareiros/as laranxas, destacou o trato recibido: “Doulle ás grazas ao club, á directiva e todas as persoas implicadas na estrutura do Burela FS por estes catro anos”. A dorsal 15 das burelistas, que sempre gozou dunha conexión especial coa  bancada de Vista Alegre, tamén se desfixo en afagos para o seu “equipo e especialmente para o corpo técnico, que nos fixo alcanzar un nivel de xogo impecable e aos que persoalmente botarei de menos”.
“Sempre sentirei o Burela FS coma o meu equipo; o meu desexo é que siga medrando e recollendo novos éxitos para esta grandísima afección da que tanto cariño recibín, dende o primeiro día” concluíu Lucía.
Dende o club, a directiva encabezada por Manuel Blanco despediuse da xogadora agradecéndolle a valiosa achega á evolución e crecemento do equipo para facer historia no deporte mariñán e lucense e desexoulle fortuna nos seus novos proxectos. “Lucía sempre terá en Burela o seu fogar” puntualizou o presidente laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores