Entrevistas
21 de xuño de 2013
Haydee: 'O dobrete é a guinda perfecta á miña carreira'
Haydee, co 8, no último encontro de liga

A peche Haydee Agras Moral despídese das pistas de xogo colgando a camiseta laranxa, despois de dúas tempadas na Mariña. A punto de cumprir os 29 anos, a viguesa emprenderá unha nova aventura persoal e profesional en Kuwait.


“Decidín que este era o momento; xa son moitos quilómetros enriba, co hándicap do xeonllo, que xa non responde igual tras a lesión. O dobrete é a guinda perfecta á miña carreira deportiva; o soño de calquera deportista é pechar así a súa traxectoria”, explicou deste xeito a xogadora a súa decisión.


Haydee, que finalizará oficialmente contrato coa entidade laranxa o 30 de xuño, agradeceu o interese do Burela FS para a súa continuidade. “Síntome honrada con que o club quixera seguir contando comigo, pola proposta de renovación e polo tratamento recibido, pero é momento de ter unha nova vida; en Kuwait centrareime no meu doutorado, sobre Fútbol de Alto Rendemento, e tamén traballarei” falou así do seu futuro a ex do UCAM Murcia. A aínda xogadora laranxa dille adeus á costa de Lugo dando as grazas “ao club e a toda a xente que forma parte do proxecto por ter a oportunidade de pasar á historia do deporte da Mariña e de Lugo, nunha etapa na que a pesar de chegar xa con experiencia aprendín moito tanto das excelentes compañeiras e boas xogadoras coma do corpo técnico”.


“Nunca esquecerei a sensación de saltar á pista na final de liga ante o Navalcarnero e sobre todo o cariño da afección pola rúa, interesándose todos os luns por nós e dándonos ánimos. Para min foi un verdadeiro pracer xogar en Vista Alegre”, concluíu Haydee.


A estrutura burelista agradece a profesionalidade e entrega da xogadora durante estas dúas tempadas, desexándolle a mellor das sortes na súa nova andadura.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores