Entrevistas
17 de abril de 2013
Aplauso para Lara, Silvia, Paula e Patri

O choque fronte ao Centelles (10-0) foi un mero trámite para o Burela FS Pescados Rubén, que saíu enchufado para evitar calquera sorpresa. "Sabiamos que había que gañar si ou si e foi o que fixemos", asegurou Javier Pardeiro, satisfeito co triunfo e polo traballo das rapazas. "Quixera destacar a achega das máis noviñas. Lara (2), Silvia (1) e Paula (1) xogaron e marcaron, pero tamén a porteira, Patri, que non só estivo ben nas poucas chegadas rivais, senón que foi partícipe en tres goles cos bos saques de portería".


 


O técnico laranxa valorou o bo momento que atravesa o equipo, con 24 goles a favor e só 3 en contra no tres últimos encontros. "O equipo está feliz, unido e preparado para o gran reto que se presenta", comenta Pardeiro, referíndose á loita polo título. "Queda un encontro menos e aí estamos. Todos asinariamos por estar nesta situación a comezos de tempada. Quedan agora tres partidos para sumar nove puntos e chegar ao último como se fora unha final. Non podemos pensar en algo máis emocionante e fermoso, pero antes hai que solucionar dúas saídas máis complicadas do que parecen e un encontro ante o terceiro clasificado na nosa casa".


 


O preparador tamén se referiu ao recente liderado e cre que lle vén ben ao equipo. "No aspecto psicolóxico agora temos certa vantaxe. Nós soubemos ir por detrás, pero a ver como se manexa o Navalcarnero", sinalou Pardeiro, que felicita ás xogadoras por todo o que están facendo. "Nos últimos 12 meses levan 3 derrotas. Isto é algo que agora talvez non se valore, pero co tempo lembrarase como algo grande", dixo.


 


 


Derbi ante As Burgas


 


O próximo choque será un derbi, o sábado en Ourense ante o Cidade das Burgas. "Desde fóra parece accesible, pero é unha pista complicada, están loitando por salvarse e perderon moitos partidos, pero sempre con resultados moi axustados. Non nolo van poñer nada doado», avanzou Pardeiro.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores