Entrevistas
17 de abril de 2013
Matamoros: 'Sería bonito asinar a salvación na casa'
Foto: A Caixa Escura

O partido do pasado sábado no Fontes do Sar pasará á historia como o primeiro derbi gañado polo Burela FS na Primeira División masculina. De paso, a vitoria ante o Santiago Futsal deixoulles aos burelenses a permanencia matemática na elite en bandexa, ofrecéndolles a posibilidade de confirmala xa o vindeiro sábado noutro derbi, neste caso no provincial ante o Azkar.


«Era un partido moi difícil, xa que poucos equipos conseguiron puntuar en Santiago, pero a verdade é que o equipo estivo moi ben e conseguimos un triunfo que nos vén moi ben para case certificar a permanencia», indicou Jorge Matamoros, autor do primeiro tanto dos burelistas en Sar.


O madrileño destacou que «é moi bonito para o club gañar no seu primeiro ano en Primeira nunha pista tan difícil e a un equipo tan potente como o Santiago, polo que estamos moi contentos pola vitoria e o que supón», asegurou.


Loanzas á afección


Matamoros enxalzou o apoio recibido pola inchada burelense, que se desprazou en masa a Santiago. «Foi moita xente de Burela e oíronse durante todo o partido máis que a propia afección local. Hai que agradecerlles todo este apoio, porque están sempre arroupando ao equipo e en cada partido demostran que son a mellor afección da Liga», afirmou.


Os futbolistas de Juanlu xa preparan desde onte o duelo ante o Azkar Lugo, un partido que será especial para Matamoros, xa que defendeu dúas tempadas a elástica transportista: «É un derbi especial, porque ao ser provincial é o de maior rivalidade. Esperamos vencer, xa que sería bonito asinar a salvación na casa e nun derbi».


 


La Voz de Galicia

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores