Entrevistas
4 de decembro de 2012
Christian: 'O de Gáldar vai ser o noso partido'

Despois dun duro inicio, con sete difíciles xornadas nas que para a familia laranxa medraron máis as espiñas que as flores, aproxímase a verdadeira liga do Burela FS. Este sábado, Vista Alegre inaugurará unha nova etapa competitiva coa visita doutro novel na elite, o Colegios Arenas Gáldar Gran Canaria (18.30 horas). Así o asegura o ala mariñán Christian Chao, convencido de que o traballo burelista terá axiña a súa recompensa: “O do Gáldar vai ser o noso partido, merecémolo. Sempre demos a cara, sobre todo na casa, pero ata o momento pagamos a inexperiencia de Primeira e o calendario non nos axudou demasiado” destacou o xogador o everest ante Barça, Inter e ElPozo.


O viveirense incidiu na transcendencia da cita ante os canarios, aos que tamén lles está custando adaptarse a Primeira, aínda que, como nota positiva, xa conseguiron puntuar (Puertollano 3-1 e Manacor 2-2): “É un partido crucial, de máis de tres puntos, cun rival directo ao que coñecemos ben de tempadas anteriores; a partir de agora tan só podemos reducir distancias”. “Xogámonos moito, somos conscientes. Eles virán moi motivados porque despois desta xornada terán que medirse aos grandes; non obstante, nós xa demostramos que somos un equipo que gañou en madureza tras o parón e este é o noso momento” explicou con optimismo Christian.


“Dende que estou no club tiven moi bos momentos coa afección, pero nunca sentín o apoio tan incondicional coma no último partido na casa, co Inter, aplaudíndonos durante todo o último minuto” dixo agradecido o mariñán, que asegurou que “o equipo está pelexando moi duro para sacar algo positivo, un obxectivo no que a bancada de Vista Alegre é moi importante”. “Co Gáldar poderemos dar a primeira alegría para a afección e para nós; isto daranos forza para continuar co soño do Burela” expresou con emoción Christian.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores