Entrevistas
28 de setembro de 2012
Mimi: 'Estamos preparados para conseguir os tres primeiros puntos en Vista Alegre'

O Burela FS Pescados Rubén afrontará mañá o terceiro envite da máxima categoría. Será en Vista Alegre, outra vez arroupado polo fervor e o espírito laranxa, e ante o Triman Navarra, volvendo ao horario habitual da bomboneira, 18.30 horas.

Dende o banco mariñán, un gran coñecedor do rival, Miguel Castilla ‘Mimi’, amosouse optimista con respecto á evolución do conxunto de Julio Delgado. “Estamos preparados para conseguir os tres primeiros puntos en Vista Alegre; o traballo dos adestramentos está sendo bo e animicamente estamos en disposición de facernos coa primeira vitoria“, dixo o ex do Triman, admitindo tamén que para esta cita terán que convivir con ausencias e xogadores minguados, como Juanma, cunha lesión costal que está valorando o corpo médico laranxa, ou Christian, que arrastrou durante a semana molestias nun xemelgo. Na convocatoria entrará Antón Couto.

O Pescados Rubén medirase a un conxunto caracterizado pola presión arriba e a busca da portería adversaria co que xa disputou a final do Trofeo de Ribadesella en pretempada e do que o novo peche laranxa salientou a súa veteranía e traxectoria, “un club consolidado na máxima categoría durante os últimos doce anos, cunha estrutura de 7 ou 8 xogadores experimentados que levan o peso e doses de xuventude”. “É un bloque forte, pero a súa principal baza é a calidade individual” explicou o burelista. 

“Despois de gañar o sábado, afrontaremos unha semana dura e longa, coas viaxes a Barcelona e Zaragoza, para sacar todos os puntos que poidamos antes do descanso”, así expresou o desexo e vontade do equipo Mimi, nos intensísimos sete días que quedan por diante.

Segundo informou o club navarro, Imanol Arregui non poderá contar con Íñigo, con escordadura de nocello, nin Iraitz, cunha operación recente no xeonllo. Estrearase na convocatoria Dani Saldise.

Dobre desprazamento

O cadro mariñán disputará a vindeira semana dobre xornada. Visitará a pista do Umacon Zaragoza (21.00 horas) o venres, 5 de outubro, na cuarta xornada; dous días antes, desprazarase ao impoñente Palau Blaugrana, do FC Barcelona, adiantando así a quinta xornada debido á participación dos cataláns na UEFA Futsal Cup. Despois, a Selección Española e o Mundial de Tailandia afastaranos do fútbol sala de Primeira ata o 24 de novembro, coa visita do honorable Inter Movistar á Mariña.

Tenda Laranxa

O Burela FS e o seu distribuidor oficial, Living Sport, estrearán mañá a Tenda Laranxa de Vista Alegre, cun expositor no que o público da bomboneira poderá contemplar e adquirir non só todo tipo de indumentaria burelista senón tamén diversidade de accesorios e complementos, como reloxos e chaveiros. Dende mañá, ademais estará á venda no pavillón o número da sorte para a lotería de Nadal, o 61.691.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores