Entrevistas
31 de agosto de 2012
Os Factores de Crecemento aceleran o regreso de Haydee aos adestramentos

A xogadora laranxa Haydee volveu hoxe aos adestramentos de pretempada; xa pode incorporarse ao traballo continuo e a cambios de ritmo. As molestias que sufría no tendón rotuliano dende hai tempo empezan a remitir grazas ao “revolucionario” tratamento que comezou este mes na clínica Virxe da Mariña, baixo a supervisión de José Antonio López Rodríguez, especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía no centro e no Hospital da Costa. O doutor López desvelou para o Burela FS os pormenores da terapia, coñecida como Factores de Crecemento, coa que se prevé e se espera que “poidamos ver a Haydee polas pistas ao inicio de liga xa recuperada”.

Que son os factores de crecemento?

- Trátase dunha técnica novidosa de rexeneración tisular, é dicir, aceleración dos tempos de curación das lesións musculares, tendinosas e articulares tan frecuentes en deportistas de elite como é o caso de Haydee. Neste caso, a paciente presenta unha severa tendinopatía rotuliana nun xeonllo previamente intervido dunha rotura do ligamento cruzado anterior hai anos. Debido á extracción da plastia do tendón rotuliano quedou danado e reducido o volume.
 Estamos realizando esta revolucionaria técnica para recuperar o seu tecido tendinoso.

Como se obteñen os factores?

- É preciso realizar unha pequena extracción de sangue ao paciente similar a unha analítica común, logo centrifúgase a mostra e obtense un concentrado de plaquetas, que son células onde maioritariamente se atopan os devanditos factores de crecemento. Unha vez rotas estas células, obtemos do seu interior os factores que non son máis que proteínas.

A función principal é que estimulan a capacidade rexenerativa e curativa do propio corpo e aceleran a reparación da lesión. Diso saben moito tanto Rafa Nadal coma Xavi Hernández, entre outros moitos.

Que lesións poden tratarse?

O abano é moi amplo. Pódense tratar dende lesións musculares como roturas fibrilares, pasando por tendinopatías do tendón de Aquiles ou do tendón rotulianos, epicondilites, fascites, escordaduras… e, por suposto, lesións articulares que afectan ao cartílago en todas as súas variantes.

Como se realizan?

- Despois de illar os factores de crecemento, pasámolos a un xiringa e depositámolos na zona lesionada. Para os que se pregunten se isto doe, pois non doe máis que unha infiltración habitual, con anestésico local.

Canto dura o tratamento?

- Recoméndanse tres infiltracións cun intervalo de dúas semanas entre cada unha; Haydee someterase á terceira nuns días. A mellora clínica acostuma comezar ás tres ou catro semanas do inicio da terapia. Durante o tempo de tratamento o paciente pode facer vida normal.

Existe algún risco para o enfermo?

- Non. É un tratamento derivado do propio paciente e biocompatible.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores